A xunta de persoal da Administración do Estado en Pontevedra reclama máis efectivos para atender a carga de traballo

"O uso das novas tecnoloxías para trámites ten que ser voluntario e hai que garantir a atención presencial"

Pontevedra -

A xunta de persoal da Administración Periférica do Estado na provincia de Pontevedra demanda a cobertura de vacantes, “logo dos recortes de persoal dos anteriores Gobernos”, e un reforzo das relacións de postos de traballo acorde coa carga de traballo en organismos como o INSS e o SEPE, que tramitan o Ingreso Mínimo Vital (IMV) e os ERE. Ademais, o órgano de representación dos traballadores/as considera que o uso das novas tecnoloxías para realizar trámites e para relacionarse coa Administración ten que ser unha opción voluntaria “que facilite os trámites e teña en conta o grao de aceptación do público e a existencia dunha fenda dixital”.

Dende a xunta de persoal sinalan que a Administración non conta na actualidade con persoal suficiente, “polo que urxe resolver os procesos selectivos pendentes, mellorar as aplicacións corporativas e abordar un plan de simplificación administrativa real e efectivo”.

Urxe resolver os procesos selectivos pendentes, mellorar as aplicacións corporativas e abordar un plan de simplificación administrativa real e efectivo

Nesta liña, denuncian que a Administración do Estado leva tempo “impoñendo máis que promovendo” o uso das novas tecnoloxías na relación co público, “unha forma de relación que esixe dispoñer de medios materiais, coñecementos para usalos e para interpretar as instrucións, requisitos que unha parte da poboación non reúne”.

Inciden en que, por exemplo, parte da cidadanía non ten clara a diferenza das competencias de organismos como o Instituto Nacional da Seguridade Social (INSS) -nin que as súas oficinas de atención ao público se chaman CAISS-, da Tesourería Xeral da Seguridade Social ou do Servizo Público de Emprego Estatal (SEPE).

Esta imposición do uso das novas tecnoloxías entre administración/persoa administrada tampouco ten en conta a fenda dixital existente tanto polo ámbito xeográfico de residencia como polo xeracional e económico, “o que fai que a cidadanía teña que pagar a profesionais por facer un traballo que antes facía o persoal funcionario de xeito gratuíto”.

Por iso rexeitan a decisión de reducir a atención ao público “argumentando que se fai así por mor da crise sanitaria actual para evitar acumulación de persoas nas oficinas e facilitar a organización do servizo, aínda que son poucas as persoas que podendo facer uso das novas tecnoloxías deciden non usalas e acudir ás oficinas”. Con todo, queren deixar claro que están a favor do uso das novas tecnoloxías na Administración.

Atención telefónica persoal

Neste senso, lembran que existen protocolos que establecen aforos tanto para acceder aos locais como ás zonas comúns do interior “que se teñen que respectar, igual que o resto das medidas de seguridade que a crise sanitaria esixe (distancias, mascaras, sinalización, etc), polo que nin a acumulación de persoas nin a desorganización parecen razóns suficientes para non poder atender á cidadanía”.

Entenden tamén que debe de terse en conta a atención telefónica persoal, actualmente colapsada, para realizar determinados trámites, “pero unha atención prestada por persoal funcionario e non por máquinas, e na que se garanta o dereito da cidadanía a entenderse coa Administración en todas as linguas cooficiais do Estado”.

Finalmente, lamentan que a subdelegada do Goberno se negue a manter unha xuntanza coa representación do persoal, xa que non atendeu ningunha das solicitudes de reunión que lle foron trasladadas, algunhas delas incluso antes do inicio da pandemia. “Esta actitude denota o total desprezo ás traballadoras/es da Administración Xeral do Estado na provincia de Pontevedra e a ocultación da súa política na xestión de persoal”, rematan.

Volver