A Xunta de Persoal da área sanitaria de Pontevedra mobilízase contra o peche de camas durante o verán

Hoxe desenvolveu protestas en Montecelo e no Provincial e mañá pecharase neste segundo centro
Pontevedra - 07 Mai 2018

A Xunta de Persoal da área sanitaria de Pontevedra vén de iniciar unha campaña de mobilizacións para denunciar o peche de camas previsto durante os meses de verán, que cifran nun total de 83. Un grupo de traballadores/as desenvolveu hoxe unha concentración ás portas dos hospitais Montecelo e Provincial, mentres que mañá levarán a cabo un peche no vestíbulo deste segundo centro de 10:00 a 22:00 horas.

Dende a Xunta de Persoal calculan que o peche inhabilitará 83 camas, un 13,53% do total, o que supón unha cifra similar á do verán do ano pasado, cando entre os meses de xuño e outubro se pecharon nove camas en lactantes, 10 en pneumoloxía, 33 en medicina interna III e 31 en cirurxía. 

Calculan que o peche afectará a 83 camas, un 13,53% do total

A representación dos traballadores/as amosa súa preocupación pola reestruturación de persoal que supón a decisión, xa que fai que os profesionais descoñezan en moitas ocasións onde van traballar nas vindeiras horas. Isto afecta directamente os usuarios/as porque, segundo explican, en departamentos como o de lactantes misturaranse con usuarios/as doutras seccións con características diferentes como pediatría de escolares ou neonatos. “Como consecuencia, nos meses de verán derivaranse pacientes aos hospitais privados, que ao contrario os públicos, non van pechar servizos”.

Ante a falta de información da Xerencia ao respecto, a Xunta de Persoal decidiu iniciar unha campaña de mobilizacións que tivo hoxe o primeiro acto de protesta con concentracións ás portas dos hospitais Montecelo e Provincial, mentres que para este martes está previsto un peche no vestíbulo deste segundo centro dende as 10.00 até as 22.00 horas.