A xunta de persoal do Chuvi protesta pola falta de aparcamento e o caos de tráfico no Cunqueiro
A xunta de persoal do Complexo Hospitalario Universitario de Vigo (Chuvi) desenvolveu unha concentración esta mañá diante do despacho da Xerencia da EOXI, no hospital Álvaro Cunqueiro, para reclamar unha solución á falta de aparcamento que provoca un caos circulatorio no exterior do centro médico especialmente durante as horas punta.
Ducias de traballadores/as do Servizo Galego de Saúde (Sergas) participaron na protesta convocada pola representación do persoal ás portas do despacho da Xerencia da EOXI de Vigo para reclamar unha solución ao problema de aparcamento que provoca un caos de tráfico, principalmente nas horas de entrada e saída dos empregados/as do centro médico.
Durante a mobilización despregaron unha faixa e berraron consignas como “Aparcamento solución, xerente represión”, en referencia aos impedimentos que dende a dirección se lle poñen aos medios de comunicación para que poidan informar sobre as protestas que desenvolve o persoal do Álvaro Cunqueiro. De feito, hoxe mesmo os gardas de seguridade do centro solicitáronlles aos redactores gráficos e aos cámaras que cubrían a mobilización que deixasen de tomar imaxes ou abandonasen as instalacións do hospital.