A Xunta de Persoal do Hospital da Mariña denuncia ataques a unha pancarta en defensa da área sanitaria

Burela - 11 Dec 2018

A Xunta de Persoal do Hospital da Mariña presentou esta mañá unha denuncia na garda civil polos danos intencionados a unha faixa do órgano de representación das traballadoras e traballadores. “O martes 4 de decembro a  pancarta aparece cortada por diversos puntos e membros da Xunta de Persoal conseguen recompoñela e suxéitana novamente con bridas na varanda do centro hospitalario”, relatan.

Mais este martes, 11 de decembro, “a pancarta novamente aparece rachada por un obxecto cortante o que provoca a denuncia pertinente por atentado contra a liberdade sindical e para tentar localizar a persoa ou persoas que atentaron contra un lema defendido por traballadores, traballadoras e veciñanza da Mariña dende 2017 contra a supresión da nosa área sanitaria”.

A Xunta de Persoal advirte que "a represión non calará as nosas denuncias na defensa dos dereitos das traballadoras e traballadoras e dunha sanidade pública digna e de proximidade, dende A Mariña e para A Mariña”.