A xunta de persoal docente da Coruña pide o cese do xefe territorial de Educación polo caso do menor esquecido nun bus

Pide que se investiguen as coaccións da inspectora á dirección do CEIP Luís Seoane
A Coruña - 07 Out 2020

A xunta de persoal da Coruña, o máximo órgano de representación do profesorado do ensino público na provincia, aprobou onte por unanimidade solicitar o cese do xefe territorial de Educación e que se abra a corresponde investigación sobre a actuación da inspectora do centro no referido ás presuntas coaccións sobre a directora do CEIP Luís Seoane de Mera-Oleiros no caso do menor esquecido nun autobús escolar.

A CIG-Ensino considera que unha persoa cun comportamento “tan impresentábel e caciquil” como o que vén de amosar o xefe territorial da Coruña non pode estar á fronte, como cargo político, dun posto de representación. A central entende que coa dimisión forzada da directora o que se pretende é desviar a atención das responsabilidades que lle corresponden á Administración, por ser quen contrata as empresas de transporte. 

A CIG di que coa a dimisión forzada da directora quérese desviar a atención

Tanto a CIG como o resto dos sindicatos con representación na xunta de persoal da Coruña cualifican de moi grave que o xefe territorial recorrera a unha acusación de “perda de confianza”, “cando resulta totalmente inadecuada porque un cargo directivo ten que merecer a confianza dos órganos de goberno dos centros, claustro e consello escolar, non de cargos políticos”.

Para a xunta de persoal, detrás deste subterfuxio está a evidencia da falta de motivos para proceder a un cesamento da directora, “algo que se evidencia tamén en que o xefe territorial utilizou a inspectora do centro “para trasladar esa orde de que presente a dimisión, sen pedir nin permitir explicación dos feitos, mostrando unha vez máis o seu talante absolutamente autoritario”.

Resolución aprobada por unanimidade na xunta de persoal

1. Esixir que se abra a corresponde investigación sobre a actuación da inspectora Berta Estrada Arias no referido ás presuntas coaccións sobre a directora do CEIP Luís Seoane de Mera, esixíndolle a súa dimisión motivada polo lamentable erro da empresa de transporte escolar ao esquecer un alumno de educación infantil no autobús durante toda a mañá do día 29 de setembro.

2. Esixir o cese inmediato de Indalecio Cabana Leira como xefe territorial da Consellaría de Cultura, Educación e Universidade na provincia da Coruña pola súa actuación neste caso no momento actual tan complicado que esixe responsábeis políticos con templanza.

3. Restituír nos seus postos ao equipo directivo cesado do CEIP Luís Seoane.