A Xunta de Persoal e SOS Sanidade convocan unha marcha en Vigo para esixir rescate público do Cunqueiro e Meixoeiro

A manifestación terá lugar o xoves 12 de maio ás 20.00 horas dende a Praza dos Cabalos
Vigo - 29 Mar 2016
A Xunta de Persoal do Chuvi e a plataforma SOS Sanidade Pública convocan unha manifestación en Vigo para esixirlle á Xunta de Galiza o rescate para a sanidade pública dos hospitais Álvaro Cunqueiro e Meixoeiro, o uso hospitalario dos anexos do antigo Xeral, a reapertura do policlínico Cíes e a mellora da atención primaria no conxunto da área sanitaria. A marcha, que terá lugar o vindeiro xoves 12 de maio ás 20.00 horas, desenvolverase entre a Praza dos Cabalos e a Porta do Sol.

Representantes da Xunta de Persoal e de SOS Sanidade presentaron este mércores en rolda de prensa unha nova mobilización na cidade para reclamar o rescate da concesión do centro hospitalario Álvaro Cunqueiro e a xestión pública do Meixoeiro, ademais da utilización dos dous anexos do Xeral, da reapertura do policlínico Cíes e da mellora da atención primaria no conxunto da área sanitaria viguesa.

Os colectivos promotores da protesta anunciaron tamén que desenvolverán unha campaña informativa entre os profesionais e a cidadanía que incluirá o reparto de ducias de milleiros de panfletos e duns 5000 cartaces “para concienciar sobre a situación na que se atopa a sanidade pública viguesa”. Ao mesmo tempo, manterán xuntanzas cos distintos/as rexedores/as da área para reclamarlles o seu apoio á manifestación.

Dende a Xunta de Persoal do Chuvi salientaron a importancia da mobilización co obxectivo de lograr que se rescate para a sanidade pública a concesión do Cunqueiro, que definiron como “un hospital privado con recortes” e lembraron que grazas ás anteriores manifestacións masivas celebradas na cidade “provocaron a caída dunha das peores conselleiras de Sanidade que tivo Galiza”.