A Xunta de Persoal solicita un calendario real, financiamento e solucións ante a demora nas obras do novo CHUAC

Este luns, membros do órgano de representación fixeron entrega dun escrito na sede da Consellaría de Sanidade en Compostela
A Coruña - 16 Nov 2026

A Xunta de Persoal da Área sanitaria da Coruña e Cee achegouse esta mañá a Santiago de Compostela para facer entrega dun escrito dirixido ao conselleiro de Sanidade reclamando “un calendario real, financiamento e solucións” ás consecuencias que a demora nas obras do novo CHUAC está a ter tanto para o persoal como para a asistencia que se presta ás persoas doentes.

A presidenta do órgano de representación, Lucía Peón Soutiño, lembra que as primeiras previsións situaban o remate das obras do novo complexo no ano 2027 pero “agora xa se atrasaron até 2032 e nin sequera rematado de todo”.

Por iso, demandaron á Consellaría un cronograma “actualizado, realista e por escrito, con datas de inicio, remate e posta en funcionamento de cada fase”; información detallada sobre o financiamento dispoñíbel; unha explicación do proxecto asistencial definitivo, “aclarando o futuro do Hospital Materno-Infantil e do Hospital Oncolóxico”; medidas inmediatas para abordar a saturación de urxencias; así como un plan de accesibilidade e un aparcadoiro.

Saturación das uxencias e terceira cama en hospitalización

Peón Soutiño alerta que o atraso nas obras está a provocar a saturación das urxencias e o uso da terceira cama en moitas unidades de hospitalización “sen espazo adecuado e con graves dificultades para mobilizar as persoas dependentes”. Mentres, as obras da torre polivalente permanecen sen avances visíbeis e os servizos administrativos desprazados a IFECO sen data de retorno.

Á situación das instalacións sanitarias súmanse os atascos derivados das obras e da demolición do viaduto de acceso sen habilitar unha alternativa suficiente, que dificultan a chegada de pacientes e persoal. A maiores, engade a presidenta da Xunta de Persoal, “a día de hoxe é imposíbel aparcar e dende a Xerencia xa trasladaron que no novo CHUAC aínda haberá menos prazas gratuítas dispoñíbeis, pasando todo  a ser aparcadoiro privado de pago”.

A Xunta de Persoal incide en que o CHUAC precisa de novas instalacións adecuadas ás prestacións que ofrece e ás necesidades das persoas que atende, pero esta renovación “tense que facer cunha planificación críbel, financiamento garantido e avances efectivos”.

Por estas razóns, no escrito dirixido ao conselleiro solicitan “unha reunión coa Consellería e coa xerencia, coa entrega previa desta información, e un seguimento periódico coa Xunta de Persoal sobre o cumprimento dos compromisos e as incidencias que afecten ao persoal”.