A Xunta debe reformular os contratos do transporte para garantir empregos e un servizo de calidade

A FGAMT-CIG reclámalle á Xunta que faga unha reformulación profunda dos novos contratos do transporte de viaxeiros/as por estrada, tanto na dotación económica como nos medios humanos, tendo en conta que o Tribunal Administrativo Central suspendeu de maneira cautelar a súa licitación.

 

O responsábel de transportes da central, Xesús Pastoriza, subliña que co recurso se busca defender os intereses dos traballadores/as do sector e evitar que se repita o que aconteceu cos contratos das ambulancias. Lembra que a Consellaría de Infraestruturas adquiriu uns compromisos sociais sobre emprego e condicións laborais “que será imposíbel cumprir coas contías orzadas”.

Advirte que todos os contratos son deficitarios e que os custes previstos pola Xunta “non chegan nin para cubrir os salarios do persoal”. Para ilustrar este desfase pon un exemplo: no contrato XG635 (A Coruña-Ferrol-Lugo-A Mariña) faltarían, só no primeiro ano, 672.000 euros en salarios, sen imputar outro tipo de gastos.

Un plan caótico

Pero, ademais, os pregos recollen un número de traballadores/as inferior ao que actualmente presta o servizo, a pesar de teren recoñecido o dereito á subrogación e que recortar efectivos suporía non poder cumprir cos tempos de descanso obrigatorios. A Consellaría tampouco contempla o custo do persoal doutras categorías distintas ás de condutor/a e acompañante, malia que debe ser subrogado.

A CIG foi a única central que, no Consello Galego de Transportes, votou en contra do plan deseñado pola Xunta que mestura os modelos lineal e zonal, creando una mapa que dificulta as conexións, sobre todo nas pequenas vilas; incrementa o número de transbordos; deixa zonas sen servizos; e inclúe o paso de rutas por lugares fóra de toda lóxica. Esta planificación caótica só ten por obxectivo integrar as liñas escolares e aforrar custos, mais as consecuencias son unhas rutas e paradas pouco funcionais para os viaxeiros/as.

Volver