A Xunta denega o acceso a documentación esencial do concurso para a contrata do servizo de limpeza

As traballadoras veñen mobilizándose desde maio contra a discriminación salarial
Compostela - 30 Nov 2018

Traballadoras/es do Grupo Norte mobilizáronse novamente este xoves en demanda de “igual salario, a igual traballo”, desta volta diante da consellaría de Presidencia. A protesta que se vén repetindo todos os xoves desde o mes de maio, coincidiu coa xornada na que a Xunta de Galiza, nun intento de cumprir coas demandas de documentación do comité, proporcionou unha escasísima información que “pouco ou nada ten que ver coa requirida, denegando de facto, e de xeito extemporáneo na súa resolución, o acceso ao groso da documentación demandada”.

Así o considera o representante da CIG, Anxo Noceda, para quen “esta actuación da administración non é máis que unha manobra dilatoria para non entregar unha documentación que consideramos fundamental, tanto para determinar as obrigas laborais contraídas pola empresa na súa oferta, como para coñecer se a Xunta de Galiza está levando a cabo os seus labores de control sobre o cumprimento desa oferta feita pola empresa”.

Noceda considera que maior gravidade ten aínda que “rematado xa o prazo non teñamos contestación ao requirimento da documentación referida á auditoría externa encargada pola Xunta de Galiza na que se tería que determinar a existencia, ou non, de posibles irregularidades na primeira das licitacións desta contrata”. Posíbeis irregularidades que, segundo o representante da CIG, se reproducen tamén na segunda das licitacións.

Xuntanza coa Inspección

O pasado luns día 26, o comité de empresa de Grupo Norte do servizo de limpeza da Xunta de Galiza foi citado, xunto coa representación da empresa, na Inspección de Traballo. No decurso da xuntanza, segundo Noceda, a propia Inspección informou de que xa mantivera xuntanza previa coa dirección da empresa na que se lle requiriu diferente documentación relativa a discriminación por razón de xénero. A empresa, pola súa banda, solicitou a mediación da Inspección no conflito.

Anxo Noceda entende que nesa xuntanza quedaron constatadas as constantes e permanentes “inexactitudes” nas que incorreu a empresa ao longo deste tempo e evidenciado, diante da Inspección, que a listaxe de subrogación anexa aos pregos de licitación contiña “erros”, tal e como se vén denunciando desde o comité de empresa e das centrais sindicais desde febreiro de 2017, sen que por parte dos responsábeis da Xunta de Galiza se fixese nada ao respecto.

Para a presidenta do comité, Amelia Sayáns, nesa xuntanza quedou acreditado tamén que “hai que distinguir entre o que é un proceso de concurso de vacantes e o que é o recoñecemento directo dunha categoría profesional”. Xunto a isto entende que tamén se constatou que “non só se poden adoptar medidas que eliminen a discriminación a futuro, senón que tamén hai que adoptar medidas que resolvan a discriminación existente na actualidade”.

Antigüidade

Sayáns considera ademais que tamén “quedou acreditado que un dos elementos fundamentais e o máis obxectivo á hora de acceder á categoría de peón especialista ten que ser a antigüidade”, así como que Inspección de Traballo “vería indicios de discriminación cos datos que nese momento había enriba da mesa”.

A presidenta do comité entende que tamén quedou aclarado que “esa discriminación de xénero provoca unha discriminación económica que estaría na orixe da brecha salarial que padecen as traballadoras”.

Precisamente por este motivo as traballadoras veñen mobilizándose desde o mes de maio en demanda de que se lles recoñeza o dereito á equiparación salarial, a acceder á categoría de peón especialista, en igualdade de condicións aos seus compañeiros –homes-, e aos pluses que lles son negados.