Xunta e Corporación do Grove comprométense a traballar para efectivizar a compra de Thenaisie

O comité demanda urxencia ao Goberno galego nas xestións para desbloquear a venda
O Grove - 07 Xul 2020

Logo da multitudinaria manifestación que percorreu as rúas do Grove o pasado domingo en defensa dos empregos e a continuidade de Thenaisie Provote, a xornada de onte estivo marcada polos encontros institucionais na procura de desbloquear a oferta de compra da conserveira presentada polo empresario galego, Alfonso Caneiro.

A ultima hora a mañá, a representación social tivo unha reunión co conselleiro de Industria que finalmente se comprometeu a apoiar a oferta real que hai enriba da mesa para a adquisicións da fábrica (que conta co aval do comité) e trasladou a disposición da Xunta a traballar e reunir as partes implicadas para chegar a un entendemento.

Dende a Administración galega, explica Rosa Abuín, responsábel da FGAMT-CIG do Salnés, confirmaron que se trata dun empresario solvente, cunha proposta viábel e que hoxe mesmo ían ter unha xuntanza con el. De igual maneira, a Consellaría asegurou que ía contactar cos asesores de Scandia Food -o grupo romanés propietario de Thenaisie-, para tentar desbloquear a situación actual. Abuín sinala que a Administración "quedou en trasladarnos o resultado destas reunións hoxe mesmo".

Pola tarde, despois da xuntanza na Consellaría, o comité mantivo un encontro co alcalde do Grove e os membros da Corporación local (na que tamén participou Caneiro e o director do Igape) para explicar o proxecto de compra e demandar o apoio municipal. Unha proposta que recibiu o apoio unánime de toda a Corporación.

"Non se pode permitir que Scandia Food pretenda facer negocio"

Con esta rolda de contactos "a oferta que avala o comité saíu reforzada fronte aos intentos de Scandia Food de desprestixiala e enredar con cortiñas de fume. O que non pode permitir o Goberno galego é que Scandia boicotee a venda e pretenda facer negocio a conta de destruír un proxecto industrial como este, deixando polo camiño 125 empregos (distribuídos na fábrica do Grove e na planta de loxística de Mos), cando foron eles quen levaron a empresa á ruína".

Neste senso, Abuín demandou urxencia nas actuacións á Xunta "porque canto máis tempo pasa máis se deteriora a empresa. Estase perdendo a totalidade da clientela e xa se traballa só con maquila".

Na manifestación que o pasado domingo percorreu ás rúas do Grove, a presidenta do comité, Rosa Domínguez (CIG), lembrou que foi "a nefasta xestión do grupo Scandia Food" a que levou a empresa a estar en cocurso de acredores. De feito, no medio da pandemia da Covid19, cando todo o sector de alimentación estaba a traballar a pleno rendemento, o grupo dirixiu unha carta aos principais clientes (Lidl, Corte Inglés, Carrefour, etc.) comunicándolles que non ían poder atender os pedidos e invitándoos a "considerar proveedores alternativos".

"Estes mesmos empresarios son os que agora pretenden marchar facendo máis cartos a conta do noso traballo. Non están en situación de esixir nada", aseverou. A presidenta salientou o enorme esforzo que realizan os compañeiros e compañeiras para manter viva a factoría, "porque nós non imos pechar a empresa".

Neste senso, criticou a complicidade da administración concursal, os avogados e a directora financeira en todo esta proceso, dificultando unha saída de futuro para os empregos e a actividade industrial. Nesta liña, demandou políticas públicas "que aposten pola defensa dos nosos sectores produtivos e a reconstrución da nosa economía", esixindo o desbloqueo inmediato da oferta de compra das instalacións e a implicación total da Xunta neste conflito.