A Xunta electoral censura a manifestación do persoal do transporte de Sogama convocada en Ordes

Consideran “inadmisíbel” mesturar un conflito laboral coa campaña electoral
Compostela - 26 Abr 2019

O persoal de transporte de Residuos Sólidos Urbanos (RSU) de Sogama, en folga indefinida en demanda da readmisión dos 8 compañeiros despedidos e para exixir que rematen as presións ás que están sometidos, considera que é “grave e fóra de lugar” que a Xunta Electoral “censure” a manifestación que tiñan convocada para este sábado pola rúas de Ordes.

O presidente do comité de empresa, Manuel Regueiro, considera que non se pode mesturar un conflito laboral cunha campaña electoral e lembra que a manifestación está convocada no marco da folga indefinida provocada polo despedimento de 8 traballadores, para os que demandan a inmediata readmisión. “Unha cousa é a campaña electoral e outra isto. Supoño que tamén prohibirán, logo, a festa do champiñón que tamén se celebra ese mesmo día en Ordes, para evitar que induzan ao voto”.

Presións da Garda Civil

O representante da FGAMT-CIG, Inácio Pavón denuncia tamén as presións directas recibidas da Garda Civil ameazando con que de celebrarse igualmente a manifestación cargarían contra as e os manifestantes. Nese sentido, Regueiro asegura que “nós queremos que sexa unha manifestación na que as veciñas e veciños dos traballadores participen e amosen a súa solidariedade e non imos arriscar a súa integridade”.

Pavón cualifica ademais de “medieval” esta forma de resolver conflitos e denuncia a falta de sensibilidade social da Xunta Electoral, que permite que mañá todos os medios de comunicación fagan seguimento e informen de cómo pasan a xornada de reflexión as e os candidatos, “o que si induce a voto” e, porén, “impide que se visibilice nunha manifestación un conflito que afecta a 8 familias”.

A este respecto considera ademais que, no canto de censurar a mobilización, poderían ter pactado cos traballadores as consignas a corear ou as declaracións a facer no decurso da mesma porque “nós non pretendemos interferir na campaña, senón defender os nosos postos de  traballo”.

Nova data de manifestación

Os traballadores decidirán en asemblea a nova data de convocatoria da manifestación, que comunicarán en breve. Adiantan, en todo caso, que o conflito segue e que continuará mentres non se readmita a todos e cada un dos traballadores despedidos e cesen as presións sobre o cadro de persoal. De feito, nos últimos días mobilizáronse na Estrada, Lugo e Ourense.

Denuncian máis unha vez a responsabilidade de Sogama e da Xunta por permitir que se produzan este tipo de comportamentos nunha contrata de transportes que traballa para unha empresa pública.