A Xunta facilita o desmantelamento das fábricas de XEAL de Cee e Dumbría ao deixar o porto de Brens sen práctico

Cee - 25 Out 2022

A decisión da Xunta de Galiza de recortar ao 50% o servizo de practicaxe do portos da Costa da Morte supón un novo golpe para o futuro das fábricas de Cee e Dumbría, xa que, a causa da rebaixa dos custes e subvencións, a licitación vai quedar deserta. A carencia deste servizo, explica o comité de XEAL, ten un importantísimo impacto na actividade das fábricas de ferroaliaxes "porque os barcos non poderán cargar e descargar no porto de Brens, xa que a figura de práctico e a súa tripulación é preceptiva para a entrada de tráfico marítimo nos portos". Coa actual lexislación, ademais, nin sequera poderían operar pilotos doutros portos.

Por iso, o comité alerta que con este recorte, a Xunta "está contribuíndo ao peche das fábricas" xa que tanto a materia prima que se necesita para o proceso produtivo - mineral de manganeso, hullas etc-, como o produto acabado terán que ser transportados por estrada, co conseguinte aumento dos custes, facendo así inviábel a produción de ferroalixes.

O comité de empresa solicitou hai xa dous meses unha reunión coa dirección de XEAL para tratar esta situación e coñecer que medidas pretende adoptar a empresa para continuar con normalidade a actividade industrial se desaparece o servizo de practicaxe, "mais a día de hoxe seguimos sen obter resposta".

Pero a maiores, coa supresión da practicaxe, á Xunta "estalle facilitando a XEAL a escusa perfecta para facer inviábeis as fábricas de ferroaliaxes". "Estamos ante unha evidencia máis do abandono e o castigo ao que o Goberno galego ten sometido a esta comarca, buscando agora inutilizar os portos de Cee, Laxe e Muxía".

Pola contra, sinalan que " cómpre é potenciar unha infraestrutura tan importante como o peirao de Brens, que debería ser fundamental para o desenvolvemento económico da Costa da Morte e para garantir a actividade das fábricas, mais tamén debería servir como xerador de emprego e riqueza, buscando novos tráficos marítimos, de mercadorías e mesmo de pasaxeiros/as".

Así mesmo, a grúa que estaba no Porto de Brens vai ser desmantelada para trasladala ao Porto Exterior da Coruña, co cal os buques que traían mineral de manganeso para a súa descarga xa non poderán vir, "o que contribúe na práctica o abandono do peirao de Brens polo que tanto se loitou".

Manifestación en Santiago este xoves

Ante esta situación, reiteran que aos traballadores e ás traballadoras de XEAL "non nos queda máis alternativa que seguir mobilizándonos na defensa dos empregos e a continuidade da actividade produtiva". Por iso, xa avanzaron que "seguiremos pelexando" para exixir o cumprimento das cláusulas concesionais, un plan industrial e de viabilidade para as fábricas, que se fagan todos os investimentos comprometidos, se recuperen os postos de traballo perdidos "e se nos devolvan os dereitos roubados coa non aplicación do convenio colectivo propio".

Para o próximo xoves, 27 de outubro, o persoal volverase manifestar ás 10:30h, dende o edificio administrativo da Xunta en San Caetano até as oficinas de Augas de Galiza, "porque o Goberno galego ten unha clara responsabilidade e ten que intervir ante os incumprimentos da empresa. Queremos futuro industrial para a comarca, non especuladores da enerxía que veñan facer cartos  a conta de explotar os nosos recursos naturais e levara riqueza fóra do país".