A Xunta ignora a sentenza que obriga a dar mascaras fpp2 no protocolo para escolas infantís

Anuncia modificacións no protocolo covid sen consultalo no comité de seguridade e saúde laboral
Nacional - 06 Ago 2021

A Xunta de Galiza vén de actualizar o protocolo fronte á COVID-19 das escolas infantís de cero a tres anos mais as delegadas de prevención do Comité de Seguridade e Saúde Laboral da Consellaría de Política Social, non recibiron a máis mínima comunicación para poder facer aportacións ao texto.

Así o denuncia a responsable nacional da CIG-Administración Autonómica, Zeltia Burgos para quen “este malfacer da administración xa foi abroncado en varias ocasións e o pasado ano tivo que rectificar este protocolo e incluír o procedemento de achegas da representación do persoal”.

Para máis lembra que, en datas recentes, o Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e o servizo de prevención alleo, MUGATRA CUALTIS, “foron condenados a facilitar as máscaras ffp2 e a modificar a avaliación de riscos, respectivamente, tanto en centros de maiores como de escolas infantís”.

Por iso Burgos lembra á Xunta que se o curso pasado seguro na Covid, “foi pola forte responsabilidade do persoal e recordamos que están a mercar as máscaras FPP2 do seu peto sen que se lle reintegre o gasto e mesmo con advertencias de que non debían portalas”.

A CIG-Administración Autonómica ten coñecemento, por parte do persoal, de que para este curso 2021-2022 repiten que as mascaras FFP2 soamente se poderán usar en caso de sospeita por Covid.  “Un copia e pega sen sentido logo da sentenza gañada pola CIG que obriga a proporcionalas con carácter xeral porque os cativos/as de 0 a 3 non as portan”.

Por outro lado, sinala que a Xunta di que o Comité Clínico avala este protocolo que lles fan, pero recordamos que avaliación de riscos dos centros non está modificada ao risco III que é o actual do virus, como dispón a normativa europea, trasposta á do Estado Español.

Ademais, deben manterse os convenios de reforzos de persoal de limpeza con que se contaba neste curso para todas as escolas infantís da Consellaría de Política Social (Axencia e Consorcio) cuestión que aínda esta sen aclarar.