A Xunta inclúe nos pregos todo o persoal de seguridade da Cidade da Xustiza de Vigo pero non amplía as xornadas

Dende a CIG-Servizos pregúntanse que traballadores/as van ser subrogados/as tras o concurso e quen o vai decidir
Vigo - 09 Xun 2023

A Xunta decidiu incluír finalmente a todo o persoal nos pregos de condicións do concurso de adxudicación da seguridade privada da Cidade da Xustiza de Vigo, unha vez que a CIG presentou as pertinentes alegacións para evitar que se recortase o servizo. Mais a Administración autonómica non ampliou as xornadas, polo que dende a central sindical se preguntan que traballadores/as van ser subrogados/as e quen o vai decidir.

A CIG-Servizos denunciara publicamente días atrás que a Consellaría de Presidencia, Xustiza e Deportes pretendía “recortar e precarizar” o servizo de seguridade e vixilancia da Cidade da Xustiza, xa que o lote número 12 do concurso contempla un importante recorte da cobertura, que no anterior contrato incluía a seguridade dos edificios de xustiza, rexistro, notificacións, embargos e Xulgado de Familia da cidade. 

Na central denuncian a intención de "recortar e precarizar" o servizo de seguridade

“Aproveitan o traslado para reducir o servizo e precarizalo, xa que por exemplo deixarase de prestar servizo pola noite os 365 días do ano; ademais, o edificio da Cidade da Cultura quedará sen vixilancia polas tardes, xa que unicamente se prestará no aparcadoiro e no rexistro civil da rúa Lalín”, explica Pedro Pérez, da CIG-Servizos. E durante as fins de semana só haberá servizo de seguridade privada nove horas os sábados e cinco os domingos.

Unha drástica redución que, segundo advirte, non garante nin a seguridade das persoas “nin dun edificio que tanto investimento de cartos públicos supuxo, deixándoo desprotexido ante a posibilidade de que se poidan producir actos vandálicos”.

Ampliar as xornadas

Diante disto, a central sindical presentou unha serie de alegacións que levaron a Consellaría a incluír agora a todo o persoal -11 traballadores/as- nos pregos, pero sen ampliar as xornadas, polo que só habería traballo para 6. “Isto xera un problema aínda maior, por que non sabemos cales destes/as empregados/as van ser subrogados/as nin quen vai tomar a decisión, a empresa saínte ou a que entre tras o concurso?”.

En consecuencia, a CIG-Servizos segue incidir na necesidade de ampliar as xornadas de traballo para garantir a seguridade dos bens e das persoas, tanto usuarias como traballadoras. Ao mesmo tempo, denuncian que no lote 1, correspondente á Coruña, as xornadas ofertadas son 9,5 e os traballadores/as a subrogar 8, “por non falar de que a partida económica é totalmente insuficiente xa que nin sequera cubre o custe do servizo”.