A Xunta malgasta máis dun millón de euros en gratificacións opacas no dispositivo contra os lumes

A CIG estuda presentar denuncia no Consello de Contas e dirixirase á Presidencia e á Consellaría do Medio Rural para exixir acceso á documentación
Nacional - 18 Dec 2025

A CIG-Administración Autonómica denuncia que o 9 de decembro o Consello da Xunta de Galiza aprobou unha partida orzamentaria de 1.012.958,53 euros destinada ao pagamento de gratificacións extraordinarias e horas extra a parte do persoal do dispositivo de extinción de incendios forestais -xefaturas e persoal técnico, axente ambiental e bombeiro forestal-, sen negociación coa representación do persoal e cunha absoluta falta de transparencia nos criterios de concesión.

Esta partida desglósase en 670.897,03 euros correspondentes ao persoal funcionario e 342.061,50 euros destinados ao persoal laboral, e a Xunta xa anunciou que vai incluír estes pagamentos na  nómina do mes de decembro. Como exemplo do malgasto e da falta de xustificación dos motivos causantes, determinadas xefaturas provinciais van percibir arredor de 14.000 euros, cando xa contan cun complemento de dispoñibilidade.

A Xunta afirmou publicamente que estas gratificacións foron negociadas cos sindicatos, unha afirmación rotundamente falsa. “A CIG, forza sindical maioritaria, non foi convocada a ningunha mesa de negociación”, salienta a secretaria nacional do sector da Autonómica, Zeltia Burgos. Considera que este proceder evidencia unha grave falta de respecto polos dereitos de representación do persoal empregado público e pon de manifesto, unha vez máis, “a actitude chulesca da Consellaría do Medio Rural, que entendemos que se reúne con ‘representantes de sindicatos afíns’ e acordan o reparto de cartos para tentar aplacar a súa ineptitude na xestión dos lumes”.

Agravios comparativos e malestar entre o persoal

A opacidade no reparto das cantidades está a xerar importantes agravios comparativos e un maior deterioro do clima laboral, xa seriamente danado pola nefasta xestión de persoal que realiza a Consellaría e que cada ano vén sendo denunciada pola CIG.

A utilización de máis de un millón de euros sen criterios públicos, sen documentar e sen informar sequera ás Xuntas de Persoal nin ao Comité Intercentros, está a xerar ademais un profundo malestar no conxunto do persoal da Administración. Por exemplo, apunta Burgos, o persoal administrativo dos corpos xerais de diferentes consellarías, que asumiron cargas extraordinarias de traballo durante o pasado verán, non recibiron un recoñecemento equivalente.

A CIG-Administración Autonómica critica que na vez de asumir responsabilidades tras a vaga de lumes do pasado verán, o presidente da Xunta opta por recuperar políticas retributivas obsoletas (as retribucións variábeis elimináronse no SPIF entre finais dos anos 90 e o 2004) introducindo ademais un incentivo perverso nun servizo tan sensíbel como a loita contra os incendios forestais, ao vincular maiores retribucións con resultados tan dramáticos como a superficie queimada.

Para a central nacionalista esta deriva resulta absolutamente inaceptábel, pois se no ano 2022 se repartiron máis de 200.000 euros, no 2025 supérase o millón. “E a pregunta é inevitábel: na próxima vaga de lumes, canto máis pensa repartir a Xunta?”.

Ante a gravidade dos feitos, a CIG está a valorar a situación cos seus servizos xurídicos, presentará denuncia perante o Consello de Contas e dirixirase formalmente á Presidencia da Xunta e á Consellaría do Medio Rural para exixir transparencia, acceso á documentación e respecto aos dereitos de representación do persoal empregado público.

Ante as vagas de lume, a solución pasa por prever, fortalecer o sistema de extinción -mellorando as condicións laborais e achegando medios- e restaurar o medio natural queimado, non por incentivar economicamente o fracaso.