A Xunta 'premia' con precariedade laboral o persoal que fai a investigación sanitaria
A pesar dos discursos que Feixoo repite dende o inicio da pandemia da Covid19 destacando a importancia da actividade investigadora no eido sanitario, a Xunta de Galiza négase a negociar ningunha forma de estabilidade laboral para o persoal das Fundacións de Investigación Sanitaria da Coruña, Santiago e Vigo. Representantes do colectivo, agrupados/as baixo a Plataforma galega de traballadores e traballadoras de investigación sanitaria (que integra os tres comités de empresa) compareceron este mércores en rolda de prensa para denunciar as precariedade laboral na que desenvolven o seu traballo.
Durante a negociación do I Convenio Colectivo para o persoal destas fundacións, apuntaron, abordouse a situación de fraude de lei que sofren moitos destes investigadores e investigadoras por encadear contratos temporais máis alá do permitido, chegando nalgúns casos a superar os dez anos. Porén, critican que, a pesar das múltiples fórmulas propostas para resolver este problema, "a Xunta pechou a porta a negociar calquera unha desas opcións, deixando ao persoal investigador, unha vez máis, en total situación de desamparo".
Contratos en fraude de lei
Neste senso, subliñaron que están en clara situación de fraude de lei, con contratos temporais prorrogados sucesivamente durante anos e "sen esperanza de contratación indefinida", polo que teñen que recorrer de maneira permanente á denuncia pública ou á vía xudicial "como única saída para estabilizar a nosa contratación". Esta falta de estabilidade é un reflexo do non recoñecemento dende a Administración galega do labor investigador, que ademais provoca que non se reteña nin se atraia talento neste campo.
Para a representación social, este desleixo do Goberno galega cara á investigación e ao persoal asociado queda demostrado na negociación deste I convenio ao pretender deixar fóra do marco regulador a todo o persoal que consiga financiamento para o seu propio contrato; negándose a falar dun plan de estabilidade para o persoal; ou cando, tras máis de un ano de reunións "aínda non temos sobre a mesa a súa proposta económica".
"No peor momento sanitario do país en décadas quedou patente que a investigación biomédica é mais necesaria ca nunca, e non obstante a profesión de investigador/a, queda 'pateada' no ámbito sanitario", denunciou Ezequiel Álvarez.
Unha xeración que fai toda a súa carreira profesional en situación de precariedade
A este respecto, advertiron que "estamos a piques de ver como unha xeración enteira de investigadores e investigadoras fai toda a súa carreira profesional en condicións de precariedade". Así, explicaron que esta xeración tivo que facer o doutoramento -nun momento que non existían contratos predoutorais- e as estancias no estranxeiro con becas, non puideron acceder ao seu primeiro contrato laboral até pasados os 30 anos e agora "estando a menos de 10 anos da súa xubilación, nunca gozaron dun contrato indefinido".
A súa precariedade laboral bate co feito de que o persoal investigador é un dos maiores responsábeis de traer recursos ás fundacións (proxectos e contratos de investigación) que serven para o desenvolvemento do traballo, a contratación de persoal e o crecemento destas entidades. "E con todo isto, contribuíndo á xeración de novo coñecemento sobre as enfermidades, o desenvolvemento de novos tratamentos, métodos de diagnóstico, etc.; e mesmo a creación de empresas biotecnolóxicas", apuntaron.
"E novamente o goberno da Xunta non recoñece o dereito á estabilidade destes e destas profesionais. Neste momento histórico debemos protexer a investigación e o persoal investigador, non podemos renunciar aos nosos dereitos, porque sen ciencia non hai futuro", concluíron.