• Nova

A Xunta pretende a supresión do servizo de “práctico” nos portos da Costa da Morte ao reducir ao 50% os custes

A CIG advirte que a falta deste servizo imposibilitaría o tráfico marítimo nos portos da comarca
Cee - 26 Mai 2022

O pasado mes de marzo a Xunta de Galiza publicaba o prego de condicións para a licitación do servizo portuario de practicaxe nos Portos de Cee (Brens), Corcubión e Laxe para a substitución por xubilación do "práctico" titular no vindeiro mes de agosto. Pero os novos custes e subvencións recollidos nos pregos contemplan un recorte do 50% do orzamento, pondo en risco de desaparición o servizo e, polo tanto, a entrada de tráfico marítimo nos portos da comarca.

Así o advertiron os membros da executiva local da CIG de Cee Xabier Santos, Lois Lado e Alfonso Mouzo, quen denunciaron este novo recorte do Goberno galego e o total desleixo da Xunta por promover e mellorar os servizos portuarios da comarca. Non deixa de chamar a atención que este recorte de cantidades se produza xusto cando a persoa que aspira a cubrir a praza é unha muller, polo que, alertan, "poderiamos estar diante dun grave caso de discriminación por razón de sexo".

Un servizo obrigatorio para a entrada dos barcos

O práctico (pilotaxe) é un servizo público prestado por particulares e suxeito a estritas medias reguladas polo ente público Portos de Galiza, ao que pertencen os portos autonómicos de Corcubión, Cee, Corme, Laxe e Sada, asignados todos ao mesmo práctico.

A supresión da practicaxe implicaría que non poderían entrar os barcos a descargar as materias primas en XEAL nin cargar as ferroaliaxes"

Até agora, explica Xabier Santos, o servizo de practicaxe destes cinco portos contaba cun cadro de persoal de até nove traballadores/as entre piloto, patrón, mariñeiros e amarradores -todas categorías necesarias para poder prestar o servizo-, e contaba coa dotación económica suficiente para cubrir os custes de explotación.

Porén, os novos custes e subvencións publicados pola Xunta nos pregos para a explotación do servizo sofren uns recortes do 50% respecto dos anteriores, facendo inviábel o servizo polo risco de que este quede deserto, o que tería gravísimas consecuencias para o tráfico marítimo na comarca, xa que a figura de práctico e a súa tripulación é preceptiva para que os barcos poidan entrar nos portos.

"Estamos falando que no caso de producirse esta situación da supresión da practicaxe non poderían entrar os barcos a descargar as materias primas precisas para o proceso produtivo de XEAL, como mineral de manganeso, hullas etc, e cargar as ferroaliaxes para súa exportación, contribuíndo deste xeito a Xunta ao proceso de desmantelamento das fábricas que a nova dirección ten en marcha dende a súa chegada", alertaron.  

Neste senso, Alfonzo Mouzo, subliñou que XEAL podería aproveitar esta circunstancia para facer inviábeis as fábricas de ferroaliaxes acolléndose a escusa dos altos custes do transporte das materias primas por estrada, que se dispararían.

Santos insiste na relevancia deste servizo, xa "que estaríamos falando de que unha infraestrutura da importancia do Porto de Brens quedaría inutilizada sen o servizo de practicaxe, que é obrigatorio tanto nos portos de ámbito autonómico, como é o caso, como nos estatais, e que coa actual lexislación nin sequera poderían operar pilotos doutros portos".

Desleixo da Xunta para fomentar a actividade dos portos

A CIG de Cee critica que estes recortes no servizo de practicaxe súmanse ao desmantelamento do servizo publico de estiba e desestiba iniciado na primeira década de 2000, que levou á total desaparición deste servizo na comarca, ao pasar dun cadro de persoal  formado por 21 estibadores e non ter ningún na actualidade; e que supuxo tamén a perda de tráficos marítimos como o da madeira.

"En definitiva, hai un desleixo absoluto da administración autonómica para poñer en valor esta infraestrutura tan reivindicada e que debería ser fundamental para o desenvolvemento económico da comarca, non buscando e facilitando que novas empresas se localizaran no seu entorno e non buscando novos tráficos marítimos e de mercadorías e mesmo de pasaxeiros/as".