A Xunta privatiza a solicitude de cortas de uso doméstico coa tramitación dos permisos no 012

É un teléfono de pago que está saturado onde non se obterá asesoramento ningún

Nacional -

A CIG-Administración Autonómica vén de denunciar a privatización, por parte da Consellería do Medio Rural, de solicitudes de cortas de uso doméstico para deixala en mans dunha empresa privada, coa conseguinte perda do servizo público para as persoas administradas.

O recente anuncio por parte da Consellería do Medio Rural da tramitación dos permisos de uso domestico a través do teléfono 012, que ademais é un teléfono de pago con custe, é unha clara privatización do servizo. Con anterioridade a xuño de 2020 (momento de entrada en vigor do decreto 73/2020 que establece a obrigatoriedade de que todas as solicitudes de aproveitamentos madeireiros sexan telemáticas) podíanse tramitar nas oficinas agrarias comarcais ou nos distritos forestais por persoal empregado público da Consellería de Medio Rural.

Esta imposición da comunicación telemática obrigatoria dirixida a unha poboación rural cada vez máis avellentada foi amplamente criticado pola nosa central sindical. Unha imposición ás bravas que incumpriu as garantías da propia Lei de Administración Dixital de Galicia que requiría un estudo previo da competencia dixital da poboación a que se dirixía a medida e que se saltaron totalmente.

Así a CIG-Administración Autonómica lembra que se demandou en numerosas ocasións que as declaracións responsables de uso propio, corta de madeira para leña para o consumo no fogar, se puidera realizar tamén de xeito presencial Para iso exixiron que a Consellería de Medio Rural faculte de maneira urxente ao persoal habilitado para que as persoas que acudan aos Distritos Forestais poidan realizar o trámite correspondente, e non teñan que chamar ao 012.

A responsable nacional, Zeltia Burgos, denuncia que, porén, “fixeron caso omiso e a Xunta de Galiza continúa afondando no incumprimento das súas propias normas”. En concreto sinala o establecido no artigo 77 da Lei 4/2019 de Administración Dixital de Galiza: «Rexistro do Persoal Funcionario Público Habilitado», créase o rexistro autonómico onde constará o persoal funcionario habilitado para a expedición de copias auténticas e a realización da identificación e da sinatura electrónica das persoas interesadas que carezan dos medios electrónicos necesarios.

No artigo 12 desta mesma norma, fala da igualdade dixital nos seguintes termos para o rural: “Así mesmo, prestarán especial atención aos factores que poidan agravar as dificultades de relación dixital, en particular a idade, a localización no medio rural ou a situación de precariedade económica ou de exclusión social”.

O teléfono 012 de pago e saturado

Burgos lembra ademais que o telefono do Centro de Información Xunta de Galiza, 012, “é un telefono de pago e que está saturado, posto que é o encargado de tramitar varios servizos da Xunta como son demanda de emprego; medidas derivadas da Covid 19; permiso de queimas, agro, gandería, cortas de madeira, avisos de Vespa velutina; información turística, vivenda, reclamacións eléctricas; dependencia, discapacidade, Servizo Quérote; demandas de emprego, listas contratación, procesos selectivos; incidencias telemáticas, cita no rexistro ou danos de lobo, danos de Xabaril...

Xunto a isto a CIG-Administración Autonómica denuncia que o teléfono 012 sofre fallos con consecuencias directas para os usuarios/as que poden ver perigar a súa axuda ou ser sancionados/as. Algunhas das eivas e efectos do mal funcionamento notificados á Xunta e que non se corrixiron refírense a danos de fauna (lobo e xabaril); persoas que perden as axudas por mal asesoramento dos operadores ou persoas que teñen que ser sancionadas por solicitar unha comunicación de queima (agrícola) no lugar de ter que solicitar unha autorización de queima (forestal).

Este feito, afirma Burgos, “non pasa cando acoden presencialmente ás dependencias dun Distrito Forestal, xa que alí son asesorados e informados polas persoas empregadas públicas da Consellería”.

Sen asesoramento, nin control

O feito de que as comunicacións para corta de madeira se fagan sen asesoramento directo e control do funcionariado, axentes ambientais e forestais, “produce como resultado moitas veces aproveitamentos inadecuados en ribeira ou zonas de protección e talas masivas ou a feito de carballeiras con graves danos para o medio ambiente”, advirte a responsable nacional da CIG-Autonómica.

Burgos denuncia que a Xunta está a desprazar ao persoal funcionario da Galiza, encargado até hai pouco de dar os permisos, xestionar e controlar após da corta, acompañado todo o proceso, substituíndoo polo 012 e polos corpos e forzas de seguridade.

Así acaba de publicitar que está a formar ao Seprona nestes aplicativos e, deste xeito, poder realizar o control policial destes aproveitamentos derivando competencias propias da Galiza cara o estado Español. “Unha xestión perversa, acompañada de boas doses de propaganda, da militarización e o control policial do monte que ten como único obxecto culpabilizar ao cidadán da súa mala xestión e facer caixa de privatizacións”, conclúe.

Volver