A Xunta recorre a empresas privadas para “axilizar” trámites ambientais e saltarse a imparcialidade do persoal público

O Goberno galego vén de anunciar a contratación de expertos/as que informarán positivamente o que os funcionarios/as rexeitan
Nacional - 19 Xun 2023

O sector de Autonómica da CIG-Administración denuncia que a lei de simplificación administrativa aprobada polo Goberno do PP persegue facer posíbel o até de agora imposíbel: pagar a empresas privadas para facer os trámites de autorización atribuídos a persoal público. O que se pretende con esta normativa é que si os funcionarios/as da Xunta informan negativamente, a Xunta poida comprar informes positivos para favorecer ás grandes empresas que espolian os recursos naturais do país. Unha práctica “mafiosa” á que lle deron cobertura legal a través da “lei de depredación” de Galiza.

Dende a CIG-Autonómica explican que a Xunta artellou un plan para a aprobación exprés de actuacións que podían repercutir no patrimonio natural ou cultural do país: parques eólicos, minería, infraestruturas, industria, etc. “Pero, como a redución de prazos garantistas non lle chega para sacar adiante proxectos de grande impacto, o que fai agora é directamente e comprar as autorizacións pagando a empresas privadas para que substitúan o papel imparcial das persoas funcionarias públicas”. 

Un claro exemplo desta carreira pola depredación do país é que en tan só dúas semanas aprobaron máis de 35 parques eólicos

Ademais, esta nova “actitude gangsteril” vén acompañada das denuncias de presións por parte dos empregados/as públicos/as para que dean o positivo á aprobación de proxectos.

Un claro exemplo desta “carreira pola depredación do país” é que en tan só dúas semanas aprobaron máis de 35 parques eólicos. Outros non se aprobaron porque os funcionarios/as atopan que as empresas promotoras omiten datos nos estudos de impacto ambiental que paralizarían os seus proxectos: especies en perigo de extinción, patrimonio arqueolóxico, afloramentos singulares, afectación pola proximidade de espazos protexidos, sinerxía con outros proxectos, etc.

Diante disto, a pregunta que se fan dende o sector de Autonómica é se a Xunta lle vai pagar a unha empresa para que lle diga o mesmo que o informe negativo dunha persoa funcionaria pública? “Os funcionarios/as públicos/as temos o deber de actuar conforme aos principios de legalidade, obxectividade, neutralidade, e imparcialidade, entre outros, e iso implica actuar conforme á legalidade e non admitir presións mafiosas como paralizar informes ou aceptar a imposición do sentido dos mesmos”.

Xustificar a privatización

Ao mesmo tempo, sinalan que a propia Xunta boicotea esta axilidade, impedindo a contratación de máis persoal para que a tramitación se faga máis áxil, para logo xustificar a súa “actitude privatizadora, aínda que o principal problema non é a privatización, que xa de por si é preocupante, senón pagar para que os informes digan o que o PP quere que digan, o que na práctica supón unha especie de suborno”.

Finalmente, censuran que a única razón “deste disparate” de recorrer a empresas privadas para facer o traballo de funcionarios/as públicos/as é que o Goberno galego quere “pisar o acelerador na carreira por vender Galiza ao mellor postor”.