A Xunta recúa ante a mobilización contra a súa intención de converter as universidades galegas en semi-presenciais

CIG-Ensino saúda esta rectificación pero advirte que se manterá vixilante
Nacional - 26 Mai 2020

A Consellaría de Educación acaba de facer público que lles retira ás universidades públicas galegas a súa proposta para implantar a docencia mixta con carácter masivo o vindeiro curso académico. Unha decisión moi polémica e que contou cunha forte oposición por parte de toda a comunidade educativa vinculada á universidade. Para a CIG-Ensino esta rectificación é unha pequena vitoria fronte ás intencións privatizadoras da Xunta ao respecto do sistema universitario galego "que ten que seguir mantendo a súa esencia como ensino presencial e igualitario, incluso nun horizonte no que o vindeiro curso se manteña a situación de pandemia actual".

Finalmente a presión mobilizadora promovida pola CIG-Ensino e outros sindicatos, así como do profesorado e o persoal de administración e servizos das tres universidades públicas galegas, conseguiu que a Xunta dea marcha atrás no documento que lle foi presentado o pasado 6 de maio aos reitores e no que se apostaba pola conversión da maioría dos títulos académicos en semi-presenciais o vindeiro curso coa escusa de que nos últimos meses houbo que realizar unha adaptación á teledocencia por mor da pandemia da Covid-19.

Diminución do profesorado e aumento dos recortos

A CIG-Ensino foi a primeira organización sindical en alzar a voz "contra esta aberración", advertindo que na práctica ía supor unha diminución do profesorado, unha consolidación e incremento dos recortes xa levados a cabo nos últimos anos, e un deterioro clarísimo do ensino universitario "que se basea na convivencia nas aulas, no aproveitamento dos recursos das distintas facultades, no fomento do traballo en equipo, na interacción directa alumnado/profesorado e tamén na propia vida universitaria que supón a independencia por primeira vez na vida de moito do seu estudantado".

Cómpre lembrar a información feita pública polo sindicato o pasado venres de que o borrador do Programa de transformación á docencia innovadora no sistema universitario galego incluía un proxecto de liquidación dos títulos presenciais coa finalidade de que no próximo curso 2021-2022 a maioría deles sexan semi-presenciais, impartíndose toda a docencia teórica online. Xa en setembro de 2020 se pretendía que moitas titulacións fixeran ensaios nese sentido, alterando a organización dos cuadrimestres, concentrando a docencia, coartando as vías de avaliación posíbeis e suprimindo a docencia presencial teórica.

O plan coincide coa posta en marcha da primeira universidade privada en Galiza

Tal e como denunciou a CIG-Ensino este plan non era inocente e coincide no tempo coa posta en marcha da primeira universidade privada en Galiza promovida pola entidade financeira Abanca. "Con el a Xunta en mans do PP buscaría restar espazo ás universidades públicas, desfigurándoas e facendo que perdan a súa esencia como espazo de produción e de intercambio de coñecemento, ideas e vivencias; como referentes da investigación e da innovación e como alicerce do progreso e avance do noso país".

O seguinte paso, como se pode intuír, sería prescindir dunha boa parte do profesorado e substituílo por colaboradores docentes altamente precarizados e sen conexión coa misión investigadora, como sucede nas universidades a distancia existentes, un modelo que rexeitamos de pleno.