A Xunta reserva un posto de traballo ao ex-conselleiro Villares malia non ten dereito por ser persoal temporal

A CIG-Administración Autonómica denuncia este trato de favor a quen está sendo investigado por unha presunta agresión sexual e demanda que este posto se incorpore ao concurso de traslados
Nacional - 15 Xul 2025

A CIG-Administración Autonómica denuncia que a Xunta tenlle reservado un posto de traballo ao ex-conselleiro do Mar, Alfonso Villares, cando non ten dereito á reserva por ser persoal temporal. Hai que lembrar que Villares dimitiu como conselleiro en xuño de 2025 tras coñecerse que está sendo investigado por unha denuncia por agresión sexual, cunha vergoñenta despedida pública por parte do Goberno do PP.

O sector de Autonómica da CIG explica que o pasado 9 de xullo se publicou o concurso de traslados do persoal veterinario da Xunta de Galiza e, previamente, o 6 de xullo, a dirección xeral de Emprego Público remitiu á representación sindical os postos de traballo que se ían ofertar, entre os cales “non figuraba o MR.C99.20.070.27290.008, na área de Mondoñedo, onde ten unha praza de xeito temporal o ex-conselleiro”.

Nestes anos, e despois da publicación da Lei 20/2021 para a redución da temporalidade na administración pública, convócase un proceso de estabilización para o Corpo Facultativo Superior, Escala veterinarios/as, “proceso no que participa o ex-conselleiro e onde non acada praza”, apuntan.

Porén, hai uns días facíase público a través dos medios de comunicación que Villares se incorporaba ao traballo, pero na oficina de Viveiro, nun posto máis próximo ao seu domicilio, “cando o posto que ocupaba con carácter previo é da área de Mondoñedo”, denuncia a CIG-Autonómica.

Critican que leva máis de 20 anos ocupando, sendo temporal, unha praza de funcionario/a “que permaneceu agochada pola Administración do PP da Xunta de Galiza e que non foi ofertada a persoal veterinario funcionario de carreira que ten máis dereito sobre ela. Estivo así, oculta e gardada para el, mentres tivo responsabilidades políticas, antes en Ribadeo e agora en Viveiro”.

Para máis, nestes momentos, co concurso de traslados do persoal veterinario, “comprobamos que Emprego Público non inclúe nesta caixa de postos a praza no concurso de traslados”. Con esta decisión, lamenta a CIG-Autonómica, négaselle a oportunidade a conciliar a vida laboral e familiar “a un compañeiro/a funcionario/a de carreira, para gardarllo e manter nel a Alfonso Villares, que non ten praza gañada na administración pública e, ademais, está acusado por unha presunta agresión sexual”.

Por todo iso, a CIG esixe que se incorpore no concurso de traslados o posto de traballo MR.C99.20.070.27290.008 “e  se Villares quere traballar como funcionario da Xunta de Galiza, que estude, se presente a unhas oposicións e as aprobe”.