A Xunta sáltase o seu propio Protocolo interno de reincorporación ao traballo
A Xunta chamou a incorporación presencial do seu persoal e programou a apertura dos centros de traballo a partir de hoxe, luns 18, "sen ter en conta as medidas previstas no seu propio protocolo de reincorporación". Diante disto, as organizacións sindicais con representación na Mesa Xeral de Empregadas e Empregados Públicos, CIG, CCOO, CSIF e UGT, consideran "inadmisíbel" que se abran centros de traballo nos que non se tomaron as medidas necesarias e cando o persoal non tivo tempo de comunicación a súa situación.
CIG, CCOO, CSIF e UGT denuncian o incumprimento por parte da Xunta do seu propio protocolo para a reincorporación do persoal empregado público ao traballo presencial e as medidas de prevención fronte á Covid19, que foi ratificado polas organizacións sindicais con representación na Mesa Xeral.
A este respecto explican que instalacións como as bibliotecas e os museos da Consellería de Cultura, as Oficinas de Emprego da Consellería de Economía, Emprego e Industria, as Oficinas Comarcais Agrarias da Consellería do Medio Rural, abren este luns as portas "cando nin sequera se rematou o informe de identificación e actuacións preliminares, nin foi revisado polos Servizos de Prevención de Riscos laborais nin polos Comités de Seguridade e Saúde Laboral correspondentes".
Interpretacións "retorcidas" do Protocolo
Advirten que moitas consellerías están a facer interpretacións "retorcidas" do Protocolo saltándose os pasos de control e avaliación "e agora obrigan a incorporación mediante chamada telefónica, deixando desprotexido e en grave risco ao persoal, pois na maioría de centros non se tomaron as medidas preventivas necesarias nin este persoal tivo tempo a comunicar a súa situación".
Sobre este punto, sinalan que o pasado venres a ultima hora da maña, a Dirección Xeral de Función Pública enviou unha nota informativa en relación á solicitude de permisos en Portax sobre a reincorporación ao traballo presencial derivado do Acordo do Consello da Xunta de Galiza, do 8 de maio de 2020, polo que se aproba o Protocolo. "A pregunta lóxica que nos facemos é como lle vai dar tempo ao persoal a solicitar os permisos correspondentes á súa situación, e as xefaturas a resolver o que sexa procedente", inquiren.
En risco a seguridade e saúde
Para a representación social esta imposición de reincorporación presencial “ás bravas” supón "poñer a todo o persoal en risco para a súa seguridade e saúde e o abandono de menores e maiores a cargo", desoíndo o acordado e ratificado polas organizacións sindicais.
Fronte a iso, lembran que o fomento do teletraballo así como a flexibilidade son os parámetros sobre os que debe articularse a reincorporación progresiva ao traballo presencial, aplicando ambos sobre os efectivos recoñecidos na Resolución do 12 de marzo do CECOP ao respecto do persoal especialmente sensíbel.
"As organizacións sindicais rexeitan esta actitude impositiva da Xunta que contradí o Protocolo, que pon en risco a persoas traballadoras e usuarias dos servizos públicos e tamén vai contra a prudencia e principio de precaución que a Administración debera ter na reincorporación ao traballo presencial, que debe regularse polos principios de progresividade e toma de medidas de protección adecuadas", conclúen.