A Xunta segue responsabilizando á muller dos coidados de dependentes en lugar de reforzar o servizo público

A central sindical desenvolve unha campaña en demanda dunha rede pública de recursos
Nacional - 29 Mar 2019

Fronte á electoralista proposta da Xunta de incremento das contías das libranzas para atención a  dependentes, coas que segue responsabilizando ás mulleres dos coidados, a CIG defende que estes se asuman como unha responsabilidade de toda a sociedade e demanda que se garanta unha atención adecuada a través dunha rede pública de servizos. Por iso a central sindical, a través do seu colectivo de xubilados/as e pensionistas, vén desenvolvendo unha campaña de recollida de sinaturas co obxectivo de facer chegar ao goberno galego tanto o malestar de usuarios/as dos servizos de dependencia, como a necesidade de cambios lexislativos e orzamentarios para cubrir as demandas existentes.

Para o colectivo de Xubilados/as e Pensionistas da CIG a posta en marcha destas melloras é necesaria e urxente por partida dupla: “para que todas as persoas dependentes teñan unha atención adecuada a través de servizos públicos, e tamén para ir dando pasos na consecución dunha igualdade real entre mulleres e homes, dado que é sobre elas sobre as que recae a inmensa maioría de traballo de coidados e atención que non cobren as administracións públicas”, explica a secretaria de Organización, Susana Méndez.

O goberno do PP en Galiza, anunciou onte e publicou hoxe mesmo no DOG, o incremento das partidas destinadas ás chamadas libranzas, que implican que familiares, na súa inmensa maioría mulleres, se sigan facendo cargo dos coidados a cambio dunha contía económica. “Séguese así condenando ás mulleres a asumir o rol de coidadoras nos fogares”, subliña Méndez.

De feito, o goberno Feixóo desmantelou nestes últimos anos, os servizos sociais públicos, recortou prestacións e servizos e financiou con cartos públicos a un bo número de entidades ligadas á extrema dereita antiabortista, no marco dunha lei –a de familia- que cousifica a muller e que pretende devolvela ao seu rol tradicional de nai-coidadora do fogar.

A secretaria de Organización da CIG pon, como exemplo disto, a situación acontecida en Forcarei onde tras da creba da empresa que prestaba o servizo de axuda no fogar a única solución proposta pola Xunta foi a do pagamento de libranzas. “Isto non soluciona o problema das familias que quedaron sen o servizo e vai na liña das políticas do PP de relegar á muller a ese papel tradicional”.

Para que non dependa da solvencia dunha empresa privada, a CIG defende a reversión ao público do servizo de axuda no fogar e exixe que se melloren as condicións laborais das persoas que o prestan, que unha vez máis son, na práctica totalidade mulleres que na actualidade viven na precariedade máis absoluta, sen estabilidade e con moi baixos salarios. “Evidénciase aquí, máis unha vez, a escasa por non dicir nula valoración que o PP ten dos coidados e das persoas que os garanten”, asegura Susana Méndez.

Situación das persoas dependentes

Moitas das mulleres que hoxe son dependentes e precisan atención, son desas que traballaron toda a súa vida facendo labores de coidados no fogar e fóra del, invisibilizadas, sen percibir remuneración nin cotizar, labores que nunca foron recoñecidos, nin hoxe o son. “Esas mulleres”, indica Méndez, “hoxe cobran pensións miserábeis por estaren condenadas a unha vida de infinitos traballos sen cotización, e por mor dunha reforma das pensións que afecta singularmente ás mulleres, tanto pola súa concentración na economía informal, como polas interrupcións da vida laboral para o coidado das crianzas e familiares dependentes, que fan que as mulleres se atopen con maiores atrancos á hora de acadar a cotización esixida”.

Os últimos datos indican que máis de 1500 persoas das que teñen solicitado o recoñecemento do grao de dependencia seguen agardando por unha resolución, e das máis de 67.000 que si teñen recoñecido o grao e a prestación de servizos, perto de 12.000 seguen sen obtela. Quen se ocupa desas tarefas de atención que se deixan de cubrir pola Administración son novamente mulleres, “porque ese é o rol que teñen reservado tradicionalmente por esta sociedade patriarcal, porque son as mulleres quen solicita excedencias para coidar, porque son elas as que sofren os recortes nos servizos públicos e na dotación de cadros de persoal dos mesmos”.

Segundo os datos recollidos polo IGE, en 2017, máis de 29.000 persoas necesitaban e non recibían axuda a domicilio, mentres que superaban as 12.000 as que precisando atención en centro de día, non a estaban a recibir. A este respecto Méndez lembra que o pasado 8 de marzo a Xunta de Galiza, para boicotear a folga de mulleres, impuxo uns servizos mínimos abusivos, mesmo aumentando os previstos para a folga convocada o 8M de 2018, nos centros de atención á dependencia, sabedora de que son maioritariamente mulleres quen traballan nestes centros.

Cambios nas políticas

Por todo isto o Colectivo de Xubilados/as e Pensionistas da CIG a través da campaña que está levando a cabo, demanda cambios substanciais nas políticas de atención á dependencia e unha atención adecuada a través dunha rede pública de recursos, cun acceso equitativo.

Sobre a valoración de dependencia demándase a redución de prazos dos trámites e resolucións e o aumento e dotación suficiente das equipas de valoración. Canto ás prestacións, demanda que se priorice a prestación de servizos a través de medios públicos fronte as libranzas;  eliminación dos copagamentos nas prestacións e aumento de recursos públicos, desde residencias, até centros de día, construíndo un centro de día público con prazas suficientes (ou aumento das prazas onde xa exista) en cada concello con máis de 1000 habitantes maiores de 65 anos.

Isto xunto coa mellora do servizo de Axuda no Fogar e das condicións laborais da persoas que o prestan;  a reversión do servizo á administración autonómica, coa súa integración no Consorcio Galego de Servizos de Benestar e Igualdade e o incremento das partidas orzamentarias para o programa Xantar na Casa, para chegar a un maior número de persoas.

No relativo ao financiamento a CIG exixe o aumento dos orzamentos destinados a dependencia para abordar todas as melloras necesarias en canto ao recoñecemento e, sobre todo, en canto ás prestacións e que se doten orzamentariamente, de xeito adecuado, as partidas para os plans de promoción da autonomía persoal  e de envellecemento activo.