A Xunta segue sen recuperar as axudas do Fondo de Acción Social recortadas en 2011

O recorte ese ano ascendeu a un total de 7.136.392€, o que supuxo a práctica liquidación deste Fondo

Nacional -

A CIG, central sindical maioritaria na administración galega, volveu criticar hoxe os recortes realizados polo goberno do PP desde a súa chegada á Xunta en 2010 no marco da reunión coa Dirección Xeral de Función Pública para negociar os criterios de reparto do Fondo de Acción Social (FAS). Un complemento que practicamente ficou reducido á nada despois de pasar dunha contía de 9.136.392 a 2 millóns de euros en 2011. A CIG lembra que desde a chegada de Feijóo ao goberno o persoal da administración leva perdidos máis de 57 millóns de euros de masa salarial por este concepto.

Cadro comparativo:

FONDO DE ACCIÓN SOCIAL

2010

FAS 2011-2019

CONTÍA GLOBAL

€ 9.136.392

€ 2.000.000

CONTÍAS MÍNIMAS POR MODALIDADES

ATENCIÓN Á DISCAPACIDADE

€ 1.300

€ 1.020

XUBILACIÓN

€ 3.500

€ 0

FILLOS-AS MENORES

€ 150

€ 0

ESTUDO DE FILLOS-AS

€ 90

€ 0

ESTUDOS DO PERSOAL DA XUNTA

€ 200

€ 0

ADQUISICIÓN DE VIVENDA

€ 1.532

€ 0

MAIORES A CARGO

€ 200

€ 0

GASTOS SANITARIOS (TRATAMENTOS, PRÓTESES)

€ 60

€ 0

GASTOS SANITARIOS (PRODUTOS ALIMENTARIOS)

€ 60

€ 0

 

Nas últimas 8 edicións a Xunta non fixo ningún movemento para reverter estes brutais recortes nos dereitos sociais do persoal. Tampouco se aproveitou ese caixón de xastre no que converteron o acordo de “concertación social” para, non xa presentar un plan de recuperación dese montante, senón nin sequera para restabelecelo neste ano 2019. En total, son máis de 57 millóns de euros os perdidos polo persoal ao servizo da Xunta neste período por este concepto.

O sindicato defendeu nesta reunión as súas alegacións que inciden na recuperación e ampliación progresiva da contía económica de antes da crise e tamén do resto de categorías nas que se podían percibir axudas, xa que actualmente só existe a de atención a persoas con discapacidade. En concreto estas foron as achegas formuladas pola CIG á Consellaría de Facenda:

  • Dotar o Fondo de Acción Social da Xunta de Galiza co 1% da masa salarial.
  • Compatibilizar as axudas do Fondo de Acción Social que se reciban por parte dos e das empregadas públicas da Xunta con outras que poidan percibir como beneficiarios.
  • Respectar a distribución segundo o nivel de renda das familias, tendo en conta que para a liña de axuda de atención de persoas con discapacidade queremos que se respecte a axuda mínima (1.020) e máxima (2.160) e incrementar as intermedias ata esgotar o crédito total desta axuda.
  • Inclusión no FAS da Xunta de Galiza dos beneficios ou axudas que existen noutras administracións ou mutualidades como MUFACE.
  • A solicitude de informes perante a Seguridade Social ou outro organismo para a xustificación da percepción das axudas do FAS debe facela directamente a Xunta de Galiza co permiso da persoa solicitante.
  • A resolución e aboamento do Fondo de Acción Social debe ser no mesmo ano natural da convocatoria para evitar os problemas con declaracións complementarias de IRPF.

Proposta da CIG

Así mesmo, a CIG propuxo unha redacción alternativa para evitar que a exigua partida económica quede sen repartirse na súa totalidade. Os responsábeis de Función Pública, despois de preguntar ás outras organizacións sindicais se estaban de acordo, aceptaron estudar a posibilidade de incorporar no texto da convocatoria que se repartirá o remanente que poida quedar tras a primeira distribución.

Os responsábeis de Función Pública avanzaron que se aprobará a norma no Consello da Xunta do próximo xoves e que estará publicada no DOG a finais de maio coa intención de que o persoal docente poida facer a solicitude antes de que remate o curso.

Volver