A xuntanza da comisión de seguimento constata que non se está a cumprir co plan estratéxico de Navantia
Na xuntanza da Comisión de seguimento do Plan estratéxico 2018-2022 (solicitada pola parte social para avaliar o seu estado de execución), constatouse que a estas alturas o desenvolvemento do plan non é o planificado. A sección sindical da CIG en Navantia sinala que, coa información facilitada e tendo en conta o sucedido nestes tres últimos anos, só se cumpriron de forma máis ou menos correcta as saídas de traballadores e traballadoras cunhas condicións sociolaborais conquistadas durante moitos anos, pero a entrada doutro persoal fíxose en condicións inferiores.
Unhas entradas que, engaden, na ría de Ferrol están moi atrasadas aínda e non foron ao ritmo das saídas, "co que isto supón para a situación de emprego na comarca". Lembran que este plan supón unha redución do cadro de persoal da principal do 25% a día de hoxe e un aforro de custes similar para a dirección de empresa "algo que aínda non resolveu a situación económica desta, que segue en números vermellos. Todo isto, abundando nunha empresa de síntese, na que a externalización e a subcontratación aumentan de forma abusiva", alerta a sección sindical da CIG.
Falta carga de traballo e novas incorporacións
Neste senso, na reunión tamén se constatou que a consecución da carga de traballo non foi a esperada e que as inversións non serviron para modernizar a compañía en todos os eidos que se anunciaron. "Na Ría temos o mellor exemplo: nin novas instalacións, nin dixitalización, nin robotización e por suposto que dicir dos dous anos que levamos sen carga de traballo co que supuxo para o emprego na industria auxiliar".
Xunto a isto, denuncian que non se conseguiron a día de hoxe as cifras de emprego pactadas no cadro da principal; "e sufrimos a ausencia dun plan con Defensa para que haxa continuidade nos programas que evite as caídas da carga de traballo". Grave resulta que, no campo da construción naval civil, aínda que a empresa asegura que non se abandona, "na práctica non se fai nada agás estar as expectativas".
Non se contemplan os investimentos imprescindíbel
A política en materia dos investimentos, que resultan imprescindibles, como se vén constatando nas ultimas reunións "tanto a nivel político como a nivel da presidencia da empresa é que non se contemplan, por iso na reunión nos diriximos á SEPI, reclamándoas tanto para nova construcións como para Carenas e Turbinas, unha vez máis. E o discurso é o mesmo, que non se quere investir porque a carga de traballo non o pide, non é suficiente, ao cal dándolle a volta pode ser que non se consiga máis contratos por non ter unhas instalación en condicións como acontece en Carenas moi habitualmente".
En canto ao convenio, critican que o único que conseguiu foi abaratar os custes de persoal, perdendo dereitos á vez que foron atrasando as novas incorporacións e, paralelamente, se externalizaron moitas actividades que debían ser cubertas por estas novas incorporacións e que poñen en risco o coñecemento e formación de cara ao futuro. Pero, ademais, "as comisións que se anunciaban como a solución a todo o que quedaba aberto tampouco foron quen de solucionar a situación, nin desenvolver o convenio pactado".
Anuncio dun novo plan, sen concretar
Para máis voltas, na reunión anunciouse a preparación dun novo plan sen concretar, que denominan Navantia5.0 e sen período de duración, "o cal tamén demostra que o vixente plan non resolveu o que se pretendía. A pregunta de CIG para coñecer e avanzar por onde van os tiros e que características vai ter, se nos empraza a futuras reunións".
Para a sección sindical da CIG, despois da actitude crítica e á espera de datos concretos manifestada pola maioría da representación intercentros nesta reunión, "resulta sorprendente que áas federacións de CCOO e UGT lles faltara tempo para pedir outro plan na prensa, utilizando groseiramente a reunión, cando do que se trataba e da análise do vixente".