A xustiza anula o despido dunha traballadora do Concello de Vilasantar por dobre discriminación

Deberán readmitila no seu posto, aboarlle os salarios de trámite e indemnizala por danos morais

Vilasantar -

O Xulgado do Social da Coruña vén de darlle a razón a Ana María Fernández, traballadora auxiliar do servizo de axuda a domicilio do Concello de Vilasantar, declarando nulo o seu despedimento por unha dobre discriminación: pola súa discapacidade e por ter exercido a defensa dos seus dereitos coa CIG.

O periplo da traballadora comezou tras ser diagnosticada dunha enfermidade que lle dificultaba a realización dos traballos para os que fora contratada en 2008, e que a mantivo de baixa laboral en distintas ocasións, até que en 2014 se lle recoñece a incapacidade permanente total con reserva do posto de traballo. 

Inmediatamente despois de denunciar a súa situación o alcalde despediuna alegando causas obxectivas

Porén, en 2017 o INSS revisa a incapacidade e emite unha alta que foi o inicio do seu prolongado litixio co Goberno local de Vilasantar, despois de que o seu alcalde, Fernando Pérez, do PP, se negase a reincorporala no seu posto de traballo, alegando a súa incapacidade para o posto, mais sen facilitarlle ningunha outra alternativa.

Segundo sinalan dende a CIG, froito desa decisión política a afectada permaneceu preto de catro meses sen poder acudir ao seu traballo por orde directa do alcalde. Foi a propia traballadora quen denunciou na Inspección de Traballo en decembro a falta de ocupación efectiva, ao entender que se trataba dunha conduta discriminatoria e mesmo persecutoria debido ao seu estado de saúde e á condición de esposa do candidato da única forza da oposición municipal (BNG). “En decembro, inmediatamente despois de denunciar a súa situación ante a autoridade laboral, o alcalde despediuna por causas obxectivas, alegando a súa ineptitude para o posto”, critican.

Dobre discriminación

Este despedimento é o que vén de ser anulado agora por unha sentenza do Xulgado do Social número 4 da Coruña, que ve detrás desta medida indicios dunha vulneración do dereito fundamental de non discriminación por causa de discapacidade, así como dunha vulneración do dereito á tutela xudicial efectiva na súa vertente de garantía de indemnidade, pois o despido produciuse inmediatamente despois de ter exercido os seus dereitos, observando relación de causa e efecto entre a denuncia da falta de ocupación e o seu despedimento.

“Ambos supostos, amplamente contemplados nas directivas comunitarias e no Tribunal de Xustiza da Unión Europea (TXUE), foron os detonantes dun fallo demoledor que obriga ao Concello de Vilasantar a readmitir de inmediato a traballadora no seu posto, aboándolle os salarios deixados de percibir desde xaneiro de 2019, así coma unha indemnización de 6251 euros por danos morais, por entender que existe unha infracción moi grave da Lei sobre Infraccións e Sancións da Orde Social (LISOS)”, indican.

Finalmente, dende a CIG valoran moi positivamente esta decisión xudicial ao entender que supón un restablecemento dos dereitos laborais da traballadora afectada e remata cunha situación de dobre discriminación, “moito máis grave aínda tratándose dunha institución pública que debera respectar de xeito escrupuloso o cumprimento da legalidade e garantir os dereitos individuais e colectivos”.

Volver