A xustiza español dilata o xuízo contra o acordo de actualización salarial do persoal público
Este venres, 8 de maio de 2026, debería terse celebrado na Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Central de Instancia a vista oral do xuízo tralo recurso presentado pola CIG e a central sindical vasca ELA contra o acordo da actualización salarial para o persoal empregado público asinado entre o Goberno español e os sindicatos UGT, CCOO e CSIF o pasado mes de novembro.
Porén, esta mesma semana anunciouse o adiamento da vista oral. Despois de ser o recurso admitido a trámite e de que a Audiencia Nacional se declarase incompetente para xulgar a causa, indicando que debería ser o Tribunal Central quen a xulgase, este adiamento xustifícase polas "dúbidas" desta nova instancia sobre a súa propia competencia.
Para a CIG-Área Pública (Administración, Ensino e Saúde), “estamos diante dunha clara estratexia de dilación da causa que deixa en evidencia o interese por manter vixente este acordo ilegal, que vulnerou o dereito á representación e negociación sindical, xa que nunca se negociou na Mesa de Negociación correspondente”. A central nacionalista lembra que tanto CIG como ELA foron excluídas de participar na negociación ao presentarse na Mesa Xeral de Negociación das Administracións Públicas, órgano no que se debe abordar esta materia, un acordo xa asinado días antes e negociado única e exclusivamente cos sindicatos estatais nos despachos ministeriais.
“Co paso dos meses evidénciase como este acordo beneficia unicamente á administración contra os intereses das traballadoras e traballadores públicos que continúan a perder poder adquisitivo”, asevera a CIG-Área Pública. Así, sinalan que a suba do 2,5% acordada para o ano 2025 quedou por baixo do IPC, que se situou no 2,9%. Do mesmo xeito, a suba do 2% acordada para este ano fica xa moi por baixo do IPC acumulado até o mes de abril, dun 3,2%.
O recurso presentado contra o acordo por CIG e ELA procura unha nova negociación real, que respecte a representación de todas as forzas sindicais con dereito a participar dela e que procure melloras substanciais nos dereitos do persoal empregado público ante un acordo que se ten demostrado lesivo para as persoas traballadoras.
“Fronte a un acordo que afonda na perda de poder adquisitivo acumulado polas empregadas e empregados públicos (de máis do 20% desde 2010), precisamos acadar un novo acordo que recupere os dereitos salariais do persoal dos servizos públicos”, conclúen.