Traballadoras/es de Xustiza toman as rúas de Compostela en demanda de que rematen as discriminacións

Exixiron a dimisión de Rueda e Barreiro e advertiron que malia a súa prepotencia, seguirán resistindo
Nacional - 24 Feb 2018

 

Miles de funcionarias e funcionarios de Xustiza tomaron as rúas compostelás, portando maletas, e ao berro de “Eu non me vou”. Respondían así ao convite que lles fixo en mesa de negociación o Director Xeral de Función Pública, Xosé María Barreiro, quen os/as convidou a pedir o traslado a outra comunidade autónoma se estaban descontentos/as co salario que tiñan en Galiza.

 

Na manifestación palpábase o enorme enfado do funcionariado desta administración que, ao longo do percorrido, non deixou de asubiar e de exixir, a viva voz, as dimisións tanto de Rueda como de Barreiro.

 

 As negociacións están rotas e todo o pouco que se avanzara volatilizouse, segundo explicou ao remate da mobilización o secretario nacional do sector de Xustiza da CIG, Xesús H. Sánchez, “pola prepotencia do goberno de Feijóo”, ao que acusaron de “mentir” nas súas declaracións públicas respecto da situación laboral do sector.

 

Sánchez advertiu que manteñen inamovíbeis as súas demandas, que se resumen en que rematen as discriminacións que sofre este persoal respecto o do resto do Estado.

 

Cinco puntos esenciais

 

O representante da CIG sinalou que son cinco os puntos esencias que, de solventarse permitirían rematar con esas discriminacións. O primeiro é rematar coas diferenzas do complemento autonómico transitorio, que é competencia da Xunta de Galiza.”Somos a última comunidade de todo o territorio do Estado en cantidade a cobrar”, asegurou.

 

Ademais demandan que se poña fin ao desconto nas baixas porque “temos que sufrir que mentres a nós se nos desconta por estar de baixa por unha gripe, na mesma oficina o/a xuíz/a, o/a fiscal ou o/a secretario/a non lle descontan e a outros compañeiros e compañeiras doutras comunidades autónomas tampouco”.

 

Sánchez denunciou tamén a discriminación que supón a consolidación das prazas de reforzo que actualmente hai en Galiza, con máis de tres anos de duración. “Consideramos que xa son estruturais e non conxunturais”.

 

Xunto a isto exixen a volta atrás do plan de amortizacións aplicado pola Xunta de Galiza desde o ano 2013 que “por riba non lle foi aprobado polo Ministerio de Xustiza”.

Do mesmo xeito reclaman que se cumpra a máxima de “a igual traballo, igual salario” co relativo ás substitucións a corpos superiores porque “actualmente, non nos están pagando aínda que esteas desempeñando un posto superior ao teu”.

 

Así as cousas, a folga continúa e as traballadoras e traballadores lembran que é responsabilidade da Xunta sentar a negociar. “Nós estamos dispostos”, conclúe Xesús H. Sánchez.