A xustiza obrígalle á Xunta a motivar as prórrogas das comisións de servizo

A CIG denunciou no ano 2019 a prolongación de 347 comisións por falta de xustificación
Nacional - 08 Feb 2022

A CIG denunciou no ano 2019 a prórroga non motivada de 347 comisións de servizos por falta de xustificación da súa extensión, algunhas das cales se viñan prorrogando dende o ano 2010.

O sector de Autonómica da CIG-Administración subliña que a mala xestión das persoas responsábeis da Dirección Xeral de Función Pública cos concursos de traslados fixo que a comisión de servizo fose para moitas compañeiras e compañeiros a única opción de mobilidade ou, incluso, de ter algo de carreira administrativa.

Para máis, a súa concesión opaca e sen criterios obxectivos de selección "asenta na administración xeral un sistema caciquil e vergoñento de provisión de postos". Pois, denuncian, a Xunta non dá datos de quen solicita a comisión, non motiva a decisión da persoa seleccionada, nin o tempo, ou os motivos da prórroga. 

Por iso a CIG, logo de recompilar unha a unha máis de 347 comisións de servizo de longuísima duración  (algunhas de máis de 10 anos e polo tanto que se pasaban do prazo legal) e que nin sequera se ofertaron en concursos de traslados, denunciou esta situación nos xulgados.

De xeito paralelo, a CIG-Autonómica seguiu a reclamar un sistema de provisión de postos áxil e transparente, tendo en conta que as comisións deberan ser algo puntual xa que a fórmula ordinaria ten que ser o concurso de traslados (permanente ou anual). "E, engaden, para que as comisións non sexan “a dedo” necesitamos un decreto de provisión que as regule de forma clara e con baremo". 

O fallo do xulgado do contencioso-administrativo número 2 de Compostela, obrígalle a Xunta a responder en 30 días á solicitude da CIG, polo que deben xustificar todas e cada unha das prórrogas de comisións de servizos que se pasaban de dous anos en 2019. Se a Xunta non motiva adecuadamente a súa excepcionalidade (e vai telo difícil), a CIG esixirá responsabilidades.

CIG-Autonómica valora como positiva esta sentenza  "que supón un chanzo máis na loita contra a nefasta política de persoal da Xunta, mostra de que non vale o nepotismo instaurado por Función Pública e imos facendo camiño para que o persoal empregado público teña dereito a acceder en igualdade de condicións a unha praza en comisión de servizos".