• Nova

A xustiza recoñécelle a un pai o permiso por nacemento e coidado dun fillo falecido no parto

A CIG-Ensino solicita ao Goberno estatal que recoñeza este dereito a todos os proxenitores
Nacional - 24 Mar 2022

Un xulgado do social de Ourense vén de recoñecer nunha sentenza o dereito dun pai a quen lle faleceu o fillo nun parto, a manter o permiso por nacemento e coidado da crianza nas mesmas condicións que a nai biolóxica e que a Seguridade Social vulnerou este dereito. A sentenza, que é pioneira en Galiza, dálle a razón ao traballador, representado pola CIG-Ensino, que reclamaba ter o mesmo dereito que a nai a dispor integramente do permiso para outra persoa proxenitora recollido na lexislación vixente.

A demanda foi presentada en resposta á negativa do INSS e a Tesouraría Xeral da SS a recoñecerlle ese permiso, alegando que, unha vez que a crianza falecera, non existía razón de ser para o recoñecemento das dezaseis semanas de permiso. A sentenza, que coincide coa argumentación da demanda presentada pola CIG, incide na necesidade de evitar que se vulnere o principio de igualdade entre a nai e o pai, toda vez que os cambios introducidos no RD Lei 6/2019, van na liña de darlle o mesmo trato a ambos proxenitores para, por un lado, corresponsabilizarse dos coidados da crianza e, por outro, evitar que poida existir un trato discriminatorio coa muller polo feito de ter un maior dereito que a súa parella.

O xuíz considera, precisamente, que tratar dun xeito diferente á nai biolóxica (que ten dereito ao permiso por parto en caso de falecemento da filla ou fillo) que á súa parella levaría a unha conduta discriminatoria na que a empresa podería ter preferencia pola “contratación do home porque necesitará menos suspensións de contrato que a muller, que é, precisamente, o que se quere combater, partindo do feito, indiscutíbel, de que, realidades fisiolóxicas á parte, a proxenitura ha de supoñer os mesmos dereitos e obrigas para ambos proxenitores con independencia do seu sexo”.

Os efectos desta sentenza, que afecta a un traballador dunha empresa privada, tamén se estenderían ao ámbito do sector público, xa que a negativa á concesión do dereito está vinculada ao non recoñecemento pola Seguridade Social da suspensión do contrato e o aboamento das bases de cotización durante a duración do permiso.

A sentenza pode ser recorrida perante o TSXG mais a CIG-Ensino considera que sería un pésimo exemplo de falta de respecto á propia normativa aprobada polo Goberno estatal que un dos seus Ministerios, precisamente o da Seguridade Social, mantivese unha postura contraria á igualdade efectiva de homes e mulleres nos dereitos e obrigas de atención e coidados dos fillos e fillas en común, polo que vén de dirixir un escrito ao delegado do Goberno en Galiza, instándoo a aceptar non só a sentenza senón a dar os pasos necesarios para que este dereito se recoñeza de agora en diante, evitando ter que verse na obriga de denunciar para poder ter un dereito despois de pasar pola morte da súa crianza.