A xustiza volve recoñecer ao persoal de Seaga o dereito a cobrar a indemnización

Confirma que tanto a Xunta de Galiza como a empresa intentaron “pisotear” os seus dereitos
Nacional - 02 Xun 2022

A xustiza vén de confirmar que a consellaría do Medio Rural e a empresa pública SEAGA maquinaron para que o persoal que facía os traballos de extinción en SEAGA perderan os seus dereitos de antigüidade e estabilidade e finalmente quedaran sen indemnización. Así o afirma a CIG-Administración Autonómica, que presentou as demandas.

O xulgado volve recoñecer aos traballadores e traballadoras de SEAGA, aos que se extinguiu a súa relación laboral despois de derivar as súas funcións á Xunta de Galiza na extinción de incendios forestais sen que se fixera unha subrogación, o dereito a cobrar a indemnización.

Estas dúas novas sentenzas, esta vez do Tribunal do Social nº 1 de Compostela, recoñecen a 44 traballadores e traballadoras da empresa pública SEAGA o dereito a cobrar unha indemnización de 20 días por ano traballado tras a rescisión das súas relacións laborais, en agosto de 2019, pola modificación substancial das condicións de traballo imposta pola empresa, subterfuxio empregado para non declarar un ERE.

Son dúas novas sentenzas que confirman as anteriores no mesmo sentido e que están a ser recorridas pola empresa ante o TSXG. Este tribunal xa ratificou as sentenzas anteriores, pero SEAGA recorreu ante o Tribunal Supremo coa única intención de adiar o pagamento das indemnizacións.

Anulación da encomenda de extinción de incendios a Seaga

Toda esta xeira xudicial vén derivada da actuación conxunta da consellaría do Medio Rural, a dirección xeral da Función Pública e a xerencia de SEAGA cando, no ano 2019, a consellaría decidiu  anular a encomenda de extinción de incendios forestais a SEAGA e asumir eses traballos directamente, pero non subrogar ao persoal que os viña realizando.

Cando unha administración reverte unha concesión administrativa que ten realizado e asume directamente a realización dos traballos encomendados a unha empresa debe subrogar o persoal, é a solución idónea para todas as partes.

Porén, a decisión da consellaría do Medio Rural, a dirección xeral da Función Pública e a xerencia de SEAGA foi non subrogar ao persoal para que perderan todos os dereitos adquiridos na empresa de antigüidade e indefinición, pero ao mesmo tempo si que necesitaban recoñecerlles o tempo traballado a efectos de puntuación nas listas de substitución para aproveitar a súa experiencia nuns labores de alto risco que precisan coñecementos e capacidades especiais. Aínda así este recoñecemento de puntuación veu solo logo do conflito e as mobilizacións  levadas pola CIG e o comité de empresa de SEAGA.

Ao persoal non lle quedou máis opción que aceptar uns novos contratos, perdendo todos os dereitos adquiridos durante anos de dedicación á extinción de incendios forestais na empresa pública SEAGA. As traballadoras e traballadores pagaron coa perda dos seus dereitos adquiridos a decisión da consellaría de rescindir a encomenda a SEAGA e ademais a empresa, que debería ter realizado un ERE extintivo pola perda da encomenda e aboarlle ao persoal 20 días de soldo por ano traballado, aforra esas cantidades. Un negocio redondo para os dirixentes políticos da administración.

Afortunadamente a CIG é a central maioritaria entre o persoal de SEAGA e aconsellou a estas traballadoras e traballadores rescindir a relación laboral con SEAGA pola modificación substancial das condicións de traballo imposta pola empresa e reclamar os 20 días de soldo por ano traballado como indemnización. E estas demandas son as que os xulgados do social e o TSXG están aceptando recoñecendo os dereitos indemnizatorios e sentenciando ao favor do persoal.

Pero SEAGA, que é dunha empresa pública dependente da consellaría do Medio Rural, decide recorrer incluso ante o Tribunal Supremo, cando saben que teñen perdido o recurso, coa única intención de adiar o pagamento, nunha actitude temeraria que prexudica a unhas traballadoras e traballadores que fan o seu traballo, arriscan a súa integridade física defendendo os nosos montes e ven como os dirixentes políticos da administración para a que traballan maquinan para negarlles os seus dereitos laborais e salariais.