Abanca: 300 millóns para Escotet, recortes para o persoal e para a clientela, produtos que non demanda

A federación de Banca da CIG mobilízase contra a política comercial e laboral da entidade
A Coruña - 03 Feb 2017

Con motivo da III Convención Comercial de Abanca, a CIG realizou unha concentración diante da Palexco (A Coruña) para protestar polas políticas comerciais e laborais da entidade e demandar unha estratexia de negocio que sexa sostíbel para os/as traballadores/as e respectuosa coa clientela. 

Entre outras cuestións, na convención presentáronse os beneficios da entidade, que arroxan un balance certamente desigual: 300 millóns de euros para Juan C. Escotet (accionista maioritario de Abanca), mentres que todos e todas as contribuíntes continúan a pagar as perdas do proceso de privatización das antigas caixas e os traballadores e traballadoras da entidade sofren continuos recortes nos seus dereitos e despedimentos por non cumprir uns obxectivos imposíbeis.

Diante deste panorama, o título escollido por Abanca para celebrar a convención parece unha broma de mal gusto: "Love is in the air" (o amor está no aire). Ao que Clodomiro Montero, Secretario Nacional da CIG-Banca, responde co verso dunha canción de Buddy Holly que di "pensan que o amor se compra con cartos".

Política comercial "moi agresiva"

Montero denunciou a "agresiva" política comercial posta en marcha pola dirección para incrementar os beneficios, na que se estabelecen uns elevadísimos obxectivos de colocación de produtos financeiros "que a clientela non demanda".

Produtos que o persoal ten a obriga de vender "aínda que os/as clientes non os queiran e descoñezan de que se trata. O obxectivo é que saían pola porta da oficina co produto debaixo do brazo. Ao final resulta unha política incluso peor que a das preferentes e subordinadas", advertiu.

Neste senso, indicou que no último mes houbo catro despedimentos en Abanca. "Pero o problema é o marco no que se dan: a empresa di que non cumpren obxectivos de colocación de produtos e bota ao persoal. Nestes momentos hai centos de compañeiros e compañeiras que a entidade considera baixo seguimento".

Trátase de traballadores/as a quen se lle triplican os obxectivos comerciais e se non colocan eses produtos que a cliente non demanda "arríscanse a un despedimento. Esa é a mensaxe que se nos está mandando: ou vendedes ou estades na rúa".

Para o Secretario Nacional da CIG-Banca, este tipo de políticas comerciais debería quedar no pasado, pois "xa vivimos neste país suficientes escándalos arredor dos produtos financeiros".

Recorte nas condicións laborais

Alén da política comercial, Montero lembrou que Abanca ten en marcha dous expedientes de regulación de emprego que contemplan recortes salariais e recortes das condicións de emprego, "mentres a empresa reparte beneficios". De feito, apuntou, Abanca vén de decidir un novo axuste de salarios, cando nin sequera está cumprindo a sentenza da Audiencia Nacional que obriga a rexistrar as horas extraordinarias. "Ademais de rebaixas as condicións de traballo, existe unha fraude á Seguridade Social, porque as horas extras hai que pagalas e cotizalas. Cousa que Abanca non fai".

Investigar tamén o proceso de privatización

O responsábel sindical aseverou que máis alá da comisión de investigación sobre as caixas, hai que investigar tamén como se puido vender a entidade nestas condicións e ademais cun claro prexuízo para o conxunto da sociedade galega e os traballadores/as.

"Aquí había unhas caixas de aforros que estaban baixo control público e foron privatizadas deixando un burato nas contas públicas de 12.000 millóns de euros (o equivalente ao orzamento da Xunta durante ano e medio) e, por outra parte, hai un banqueiro que se leva 300 millóns de euros e cos propios beneficios da entidade está pagando a privatización. É un auténtico escándalo".