• Nova

Aberto o prazo de inscrición para participar na Formación Sindical 2022

Se es delegado/a da CIG, infórmate na túa comarca ou federación
Nacional - 08 Feb 2022

A CIG aposta pola formación das delegadas/as como un dos eixos centrais na metodoloxía sindical. No actual contexto de recortes, criminalización da loita sindical, aumento da precariedade laboral, crise económica e grave retroceso en dereitos básicos, a formación dos cadros sindicais é fundamental para afrontar os retos que temos nos centros de traballo.

As accións formativas que se levarán adiante desde febreiro do 2022 e ao longo deste ano contan coa colaboración da Consellería de Emprego e Igualdade da Xunta de Galiza, da Fundación Estatal para o Emprego (FUNDAE) e co financiamento do SEPE. O seu obxectivo principal é achegar numerosos recursos formativos ás delegadas e delegados da central sindical para comprendermos mellor o tempo que nos toca vivir e como afrontar os desafíos que temos por diante.

Estes recursos, teóricos e prácticos, sempre desde unha perspectiva amena e didáctica, facilitarán a comprensión do ámbito xurídico-laboral e permitirán coñecer os nosos dereitos para termos un emprego con calidade, establecer protocolos de prevención e actuación fronte ao acoso, implantar técnicas e recursos para os procesos de negociación dos plans de igualdade, abordar a normativa para os procesos de conciliar a vida laboral e familiar ou afrontar os retos da dixitalización do mundo do traballo.

Coa idea de coñecermos ben os nosos dereitos como clase traballadora para nos defender con máis forza dos ataques que sufrimos día a día nos centros de traballo. Mais tamén para conquistar os dereitos roubados nos últimos anos coa aplicación das vellas receitas da dereita e da Unión Europea e lograr novos avances para acadar mellores condicións de vida para nós mesmas/os e para as xeracións futuras.

Por iso, neste 2022 contamos con dúas liñas de formación, da cal dispós de toda a información nas federacións e nos locais da CIG.

Accións formativas que contan coa colaboración da Consellería de Emprego e Igualdade da Xunta de Galiza e co financiamento do SEPE:

-A dixitalización do mundo do traballo, ameazas e retos.

-Calidade e dereitos no emprego para a negociación colectiva.
dereito á conciliación da vida familiar e a súa aplicación á negociación colectiva.

-Protocolo de prevención e actuación fronte ao acoso.

-Rexistro e auditoría retributiva.

-Técnicas e recursos para os procesos de negociación colectiva dos plans de igualdade.

Accións formativas que contan coa colaboración da Fundación Estatal para o Emprego (FUNDAE) e co financiamento do SEPE:

-Nóminas e seguridade social na aplicación á negociación colectiva.

-Liquidacións salariais e indemnizacións por despedimento na negociación colectiva.

-Dereito do traballo e a súa aplicación á negociación colectiva.

-Implantación na negociación colectiva de plans, políticas e estratexias de igualdade na empresa.

-Defensa das pensións públicas na negociación colectiva.

-Políticas de desconexión , conciliación e teletraballo aplicadas á negociación colectiva.

-Defensa dos dereitos da clase traballadora galega ante a situación de ERTE-ERE e a súa aplicación á negociación colectiva.

-Ferramentas para aplicación de plans de igualdade nos procesos de negociación colectiva.

Consulta os cursos a realizar na túa comarca ou no correo info.formacion@galizacig.gal.

>>Descarga a ficha de inscrición para a Formación Sindical 2022: