Acceso prazas Navantia: aínda que máis do 70 % das persoas foron eliminadas do proceso, estáselles dificultando poder reclamar

A CIG-Navantia acusa a CCOO e MAS de "entreguismo" ante a dirección por vulneraren os acordos da comisión
Ferrol - 30 Mar 2021

Este luns, 29 de marzo, Navantia publicou a lista de persoas admitidas e rexeitadas aos exames de persoal operario e empregado sénior (con máis de 3 anos de experiencia na profesión). A representación da CIG denuncia que, aínda que máis do 70% das persoas foron eliminadas do proceso, estáselle dificultando poder reclamaren ao vulnerar a empresa pública os acordos na comisión de emprego co parabén de CCOO e MAS.

Cómpre lembrar que a parte social da Comisión de Emprego da Ría de Ferrol tiña decidido que se fixera a publicación cos nomes completos das persoas inscritas e coas causas concretas das exclusións que se deran, coa revisión previa da propia Comisión para poder dar testemuña de que o proceso estaba correcto.

Após agardar varias semanas desde que se publicaran os temarios das distintas especialidades, o venres 26 pola tarde e fóra do horario laboral, CCOO, MAS e UGT deciden dar por boa a negativa da empresa a todo o solicitado e admiten a publicación dos listados sen que a Comisión acordase anular a anterior decisión. Para a representación da CIG, o feito de que unha parte importante do cadro de persoal de Navantia iniciara vacacións esta fin de semana "fai máis rexeitábel esta decisión. Máis unha vez, o escurantismo preside os proceso de acceso a Navantia".

Neste senso, denuncian que "cando máis dun 70 % das persoas inscritas son consideradas non aptas para participaren nas probas de selección, é unha absoluta falta de respecto aos traballadores e traballadoras da nosa comarca que se publiquen as listas sen seren revisadas pola representación legal dos/as traballadores/as, en datas nas que se dificulta o acceso á información e mesmo omitindo información necesaria para poder reclamar de xeito rápido xa que só hai 3 días de prazo de reclamacións".