Acción de protesta en Alcoa San Cibrao en defensa do emprego e contra o desmantelamento da factoría

Coincidindo co inicio do período de consultas dos ERTE en Cyrgasa e Reymogasa

Cervo -

Membros do comité de Cyrgasa e delegados e delegadas da CIG nas auxiliares de Alcoa San Cibrao realizaron esta mañá unha acción de protesta simbólica en defensa do emprego e contra o desmantelamento da factoría. A acción consistiu nun reparto de follas informativas entre os traballadores e as traballadoras que entraban na quenda da mañá e desenvolveuse coincidindo co inicio do período de consultas dos ERTE presentados polas auxiliares Cyrgasa e Reymogasa, que afectarán 50 operarios/as.

Esta acción forma parte das medidas contra a decisión da multinacional do aluminio de non reconstruír as cubas de electrólise ao remate da súa vida útil, avanzando así no plan de desmantelamento da factoría de San Cibrao. A CIG xa advertiu que esta medida suporá que, de aquí até final de ano, 90 das 512 cubas que hai estarán mortas, ademais de ter consecuencia directa sobre os empregos dos 50 traballadores/as de Cyrgasa e Reymogasa que se dedican as tarefas de rebrascaxe.

De feito, a protesta deste venres realizouse coincidindo co inicio do período de consultas do ERTE presentado por estas auxiliares. "Alcoa aprovéitase da emerxencia sanitaria da Covid19 para continuar co desmantelamento da factoría, seguindo un proceso similar ao levado a cabo nas plantas da Coruña e Avilés", advírtese na folla repartida hoxe.

Resposta social á decisión da multinacional

Dentro das medidas de resposta á decisión de Alcoa acordouse tamén a suspensión das horas extraordinarias e promover a presentación de mocións de apoio en todos os concellos da Mariña, instando, entre outras demandas, a Xunta e o Goberno español a intervir na defensa dos empregos e da actividade industrial.

A este respecto, a CIG reclama de Alcoa e das auxiliares un compromiso social coa comarca, que non se elimine ningún posto,  que o persoal afectado sexa recolocado noutras actividades dentro da factoría,  ou como mínimo, que ningún traballador vexa reducida a súa capacidade adquisitiva.

Volver