Acción de protesta en Navantia para denunciar que catro auxiliares non cumpren co convenio do metal

Ferrol - 20 Set 2023

Delegadas e delegados da industria auxiliar de Navantia iniciaron este mércores accións de protesta para denunciar que hai empresas que non aplican o convenio colectivo de siderometal da Coruña  ou incumpren o recollido neste marco regulador. A mobilización, que foi acordada por todas as centrais sindicais con representación no estaleiro, contou coa participación de representantes dos sindicatos, delegados/as das auxiliares e membros do comité da propia Navantia e consistiu en bloquear o acceso do persoal de catro compañías á factoría ferrolá.

Ante o aumento da carga de traballo pola construción das fragatas F-11O, explicou o secretario da CIG-Industria de Ferrol, Vicente Vidal, no mes de xullo as centrais sindicais mantiveron un encontro coas empresas auxiliares para abordar as condicións laborais, o convenio de aplicación en cada actividade e evitar a competencia desleal entre contratas a conta de deteriorar as condicións de traballo e os salarios do persoal.

Nesa xuntanza, á que acudiron preto de 30 compañías, "comunicóuselle que imos ser inflexíbeis ante os incumprimentos e cando se detecte que unha empresa non aplica o convenio de sidero bloquearemos a entrada dos seus cadros de persoal á factoría", apuntou Vidal. Neste situación, sinalou, atópase Kaefer, que aplica o convenio da construción malia "que no estaleiro non realiza ningunha tarefa relacionada con ese sector".

Lembrou que a CIG xa gañou un conflito colectivo contra esta empresa polo que se determinou que Kaefer ten que aplicar o convenio do metal ao persoal que traballa nas instalacións de Navantia. "Pero o que fixo a empresa foi tirar para adiante, recorrer a sentenza e mentres tanto coller unha gran carga de traballo".

As outras tres auxiliares que non respectan o convenio son Gabadi e Moncina (do mesmo grupo empresarial) e M Blanco. As manobras das empresas para sortear o convenio son diversas e inclúen subcontratas de traballo entre auxiliares do mesmo grupo con convenios diferentes ou tentar aplicar outros marcos reguladores a actividades que expresamente están recollidas no  convenio do metal, como é o caso de aceiros.

"Xa lles notificamos que os cadros de persoal non van entrar mentres non corrixan esta situación", advertiu o secretario da CIG-Industria, avanzando que as accións de protesta continuará a vindeira semana en Fene e poden estenderse a máis compañías. Acusou as empresas de buscar sacar maior rendibilidade e obter máis contratos licitando á baixa en base a aplicar convenios inferiores aos do metal ou baixándolle a categoría aos e ás operarias.

Responsabilidade de Navantia

Por iso, Vidal apelou a responsabilidade de Navantia "que ten a oportunidade de pór orde dentro da industria auxiliar. Porque nós non imos parar até conseguir que as empresas apliquen, como mínimo, o convenio do metal dentro destas instalacións. A que faga traballos de servizos (andamios, pintura e mantemento) pagará por eses convenios, pero a que sexa de aceiros ten que rexer polo metal. Do contrario terannos diante das portas até que cumpran".

Instou a empresa naval pública a que supervise que dentro dos estaleiros se respectan as condicións laborais e salariais do persoal, que encadre de maneira clara que actividade desenvolve cada empresa e que obrigue as compañías auxiliares a aplicar o convenio de referencia. "Non imos permitir que os empresarios aforren cartos a conta de deteriorar as condicións e os salarios do persoal", reiterou.

Insistiu en que o único que se reclama "é que ao mesmo traballo se aplique o mesmo convenio e o mesmo salario, por iso levamos anos demandándolle a Navantia que nos pregos inclúa unha cláusula que obrigue as empresas a cumprir co convenio do metal".

Finalmente, Vicente Vidal foi moi crítico coa actuación da xefa de recursos humanos de Gabadi, subliñando"que non imos consentir este tipo de ameazas e coaccións aos traballadores e traballadoras".