Persoal da limpeza hospitalaria de Pontevedra: "Acciona despide, Sergas consinte!"

Desenvolveu concentracións no Provincial e en Montecelo pola readmisión dunha compañeira á que lle rescindiron o contrato tras unha baixa
Pontevedra - 22 Nov 2022

Traballadoras/es do servizo de limpeza dos hospitais Provincial e Montecelo de Pontevedra mobilizáronse hoxe diante dos dous centros para reclamar a readmisión dunha compañeira despedida por Acciona, a empresa concesionaria, coa escusa de “baixo rendemento” tras regresar dunha baixa médica de longa duración.

Un grupo de empregadas/os participou nas dúas concentracións convocadas polo comité de empresa e que se iniciaron de xeito simultáneo ás 10:00 horas ao berro de “Despedida readmisión”, "Acciona culpable, Sergas responsable", "Por enfermar, non nos poden botar" e “Acciona despide, Sergas consinte”. As protestas continuarán o vindeiro xoves nos mesmos lugares e no mesmo horario, xa que foron convocadas todos os martes e xoves até que a afectada non regrese ao seu posto.

Dende a representación sindical, con presenza da CIG, CCOO e UGT, consideran que con esta rescisión de contrato Acciona pretende amedrentar os traballadores/as para evitar na medida do posíbel que collan baixas e lembran que a empregada despedida non tivo sequera un apercibimento por parte da dirección. “É máis, durante a pandemia mesmo foi felicitada por Medicina Preventiva e polo Sergas polo seu labor”, sinalan na CIG-Servizos de Pontevedra.

Aforrar custes salariais

Por iso sospeitan que con esta decisión a empresa aproveita tamén para aforrar custes salariais mediante a amortización da súa praza, tendo en conta que no prego de condicións do servizo non figura o persoal mínimo que hai que ter para levar a cabo a limpeza. “Ademais, a traballadora ten unha antigüidade de cinco anos, polo que lles sae barato despedila”.

Finalmente, censuran que a concesionaria non tivese respondido a súa solicitude de xuntanza para abordar o despido, ao tempo que reclaman a intervención do xerente da Área Sanitaria de Pontevedra-O Salnés no conflito. “No caso de que a afectada non sexa readmitida no seu posto non descartamos mesmo unha convocatoria de folga”, rematan.