Aceptado o recurso da CIG contra o prego de condicións do concurso de Axuda no Fogar de Gondomar

O propio Goberno local recoñece que non calculou correctamente os custes salariais do servizo
Gondomar - 08 Nov 2019

O Tribunal Administrativo de Contratación Pública (TACP) vén de aceptar o recurso presentado pola CIG contra o prego de condicións do concurso de licitación do servizo de Axuda no Fogar do Concello de Gondomar tras comprobar que o orzamento fixaba un prezo por hora de traballo insuficiente para afrontar o pago dos soldos das traballadoras/es. Segundo a resolución do TACP, o propio Goberno local tería recoñecido que non calculou correctamente o custe salarial do servizo.

A central sindical optara por recorrer o prego ao entender que a empresa que resultase adxudicataria non ía poder asumir o custe salarial das empregadas/os, xa que nas cláusulas fixábase un orzamento en base a un valor de menos de 13 euros por hora, cantidade que é inferior ao custe empresarial da prestación do servizo, que superaría os 14. 

A central recorreu o prego ao entender que a empresa adxudicataria do servizo non ía poder asumir o pago dos salarios do persoal

En concreto, o Concello establece o prezo da hora en 12,70 euros, “contía que é manifestamente inferior ao custe empresarial para a prestación do servizo”, que segundo os cálculos da CIG sería como mínimo de 14,04. A esta cantidade aínda habería que sumarlle unha serie de variábeis como o complemento por antigüidade do persoal, o índice real de absentismo ou a existencia ou non de horas sindicais, o que sen dúbida incrementará o prezo da hora de traballo.

No recurso presentado pola central sinalábase que a determinación dos custes salariais realizouse tendo en conta o convenio colectivo para a actividade de axuda a domicilio de Galiza, que continúa vixente e que establece a revisión automática dos soldos segundo o IPC, tal como sentenciou o TSXG.

Ademais, alertábase de que o desaxuste entre o prezo do contrato e o custe mínimo real da hora de servizo provocará que a empresa que resulte adxudicataria non poida cumprir a normativa laboral, “polo que claramente se está a vulnerar o artigo 122.2 da Lei 9/2017”.

Tampouco se cumpría o artigo 100 desta lei xa que non se desglosan os custes salariais, senón que se fixa un prezo hora para días laborábeis e outro para domingos e festivos, sen descrición de ningún tipo, polo que nin se sabe se ese é o valor hora prevista para calquera categoría profesional”.

Deste xeito, non se tiña en conta que para a prestación do servizo, ademais de auxiliares de axuda no fogar, tamén son necesarias/as, cando menos, traballadoras/es sociais.

Argumentos do Tribunal

Na súa resolución, o Tribunal de Contratación Pública lembra que a obriga de desagregar o orzamento expresada no artigo 100.2 da LCSP está en consonancia coa relevancia outorgada pola propia lei ao cumprimento das condicións laborais e concretamente salariais, e que esa obriga ten unha dobre finalidade. Por un lado, que o órgano determine correctamente o orzamento da licitación, de acordo cos prezos de mercado e con especial relevancia aos custes salariais e, por outro, para garantir que ese orzamento se axusta ao esixido legalmente.

En consecuencia, o TACP entende que a falta de posta a disposición desa información dificulta a configuración da oferta por parte dos licitadores “e o dereito dos lexitimados á impugnación do que poidan entender como incorrecto na estimación do orzamento, con especial relevancia en casos coma este, no que os custes salariais son especialmente significativos pois supoñen unha parte moi importante dos gastos previstos”.

Isto sucede precisamente neste recurso, xa que os cálculos do recorrente non puideron ser confrontados con anterioridade á súa impugnación cos propios do órgano de contratación que determinaron o orzamento contractual, pola ausencia dos mesmos nos documentos públicos da licitación.

Por todo isto, estima o recurso presentado por incumprimento do deber de desagregación do orzamento esixido polo artigo 100 LCSP, “así como polo recoñecemento expreso polo órgano de contratación dunha incorrecta estimación dos custos salariais, sen que proceda entón calquera outro pronunciamento a maiores a ese respecto”.