Sindicatos e dirección de Citroën aceptan a proposta de mediación para rematar coa sobrecarga de traballo na cadea de montaxe

Unha comisión fará un seguimento semanal da implantación das medidas e no mes de xullo comprobarase se foron efectivas
Vigo - 31 Mai 2019

Os principais sindicatos de Citroën e a dirección da empresa aceptaron onte a proposta de mediación achegada polo AGA que contempla unha serie de medidas orientadas a rematar coa sobrecarga de traballo nas liñas de montaxe. A proposta contempla a creación de novos postos e o establecemento dunha comisión que fará un seguimento semanal da implantación das medidas, e que no mes de xullo avaliará se foron suficientes para rematar coa problemática existente na cadea de montaxe.

O persoal da fábrica de Citroën en Vigo decidiu rebelarse a comezos de mes contra a sobrecarga de traballo na cadea de montaxe, sobre todo na liña 2, unha problemática que ten consecuencias físicas e mentais para os traballadores/as, cun aumento do absentismo e das doenzas derivadas da actividade laboral. Os secretarios das seccións sindicais da CIG, CCOO e UGT foros os que iniciaron as mobilizacións, cun peche de varios días nas instalacións da empresa, para reclamar unha serie de medidas para solucionar unha situación que viñan denunciando dende hai tempo.

Paralelamente, chamaron os operarios/as a participar nas concentracións diarias convocadas ao inicio e ao remate de cada unha das tres quendas. Mais a falta de resposta da dirección obrigou as centrais a adoptar medidas máis contundentes, optando por abandonar o peche e convocando unha xornada de paros de dúas horas por quenda que tivo un seguimento maioritario e que paralizou a cadea de montaxe.

Unha semana despois os paros ampliáronse a catro horas, volvendo a rexistrar un amplísimo seguimento e paralizando de novo a produción. Ademais, centos de traballadores/as percorreron en manifestación os arredores das instalacións de Citroën ao berro de “montaxe solución”.

Creación de novos postos

Ante o histórico éxito das dúas folgas parciais, a dirección decide mover ficha e convoca as centrais a unha negociación que nos primeiros momentos non avanzou pola negativa da empresa a adoptar as medidas necesarias para rematar co exceso de traballo.

Mais tras longas xornadas de conversas coa mediación do AGA as partes déronlle o visto bo á proposta achegada pola autoridade laboral na que se contempla a creación de catro postos no sistema 2, ademais de implementar dous reforzos temporais da actividade en cada quenda até que se apliquen as medidas pactadas para aliviar a sobrecarga de traballo. Tamén se recuperará un posto novo de traballo na liña en cada quenda e se internalizarán temporalmente as actividades auxiliares de montaxe.

A proposta da mediación establece que no prazo dun mes se analizará o impacto destas medidas, mentres que unha comisión creada ao efecto fará un seguimento semanal da súa implantación. No mes de xullo as partes volverán a manter un encontro no Consello Galego de Relacións Laborais para comprobar se a aplicación das medidas permitiu solucionar a problemática da cadea de montaxe, xa que do contrario optarán por retomar o conflito.