Acórdase suspender as concentracións semanais do persoal de Ferroatlántica para non interferir nas eleccións sindicais

A sección sindical reafirma o seu compromiso a seguir loitando para esixir o necesario plan de viabilidade

Cee -

A maioría do comité de Ferroatlántica Cee-Dumbría-Centrais Hidroeléctricas (conformada por CIG e independentes) acordou suspender as concentracións semanais que se estaban realizando todos os martes diante do Concello de Cee para non interferir no proceso de eleccións sindicais que vén de iniciarse e que rematará o 8 de novembro coa votación e escolla das e dos novos representantes do persoal, que serán quen terán que avaliar e propor as seguintes mobilizacións.

Neste senso, dende a sección sindical da CIG subliñan que tras das eleccións "seguiremos loitando para esixirlle a Xunta de Galiza que reclame un plan de viabilidade e de futuro industrial para o noso centro de traballo". Un proxecto de viabilidade que cobra especial urxencia cando xa se están a notar nas plantas de ferroaliaxes as negativas consecuencias da operación especulativa pactada entre FerroGlobe e TPG-Ithaka.

Votar á CIG para termos un comité plenamente comprometido na defensa dos nosos dereitos laborais, o mantemento dos empregos e pelexar para que se garanta a viabilidade das fábricas"

Lembran que as factorías están cos fornos rebaixados porque a empresa alega que hai un suposto 'exceso de produción', pero este recorte produtivo que "non se pode desvincular do feito de que as fábricas non poden saír libremente ao mercado ao depender dun único provedor e dun único cliente, que é FerroGlobe". Pero é que ademais, FerroGlobe está subministrando a Cee e Dumbría materia prima de mala calidade "que non quere para outros centros de traballo do grupo, e que pon en perigo as instalacións e a integridade física dos traballadores e das traballadoras".  

Antes estes graves feitos, a sección sindical da CIG critica que a Xunta continúe pasiva, sen reunirse coa representación social, sen trasladar a documentación presentada pola empresa, nin esixirlle un plan de viabilidade para garantir a continuidade da produción de ferroaliaxes, o mantemento dos postos de traballo e que se respecte a cláusula esencial de vinculación da actividade das fábricas e da produción de enerxía.

Necesidade de contar cun comité comprometido na defensa do persoal

Con este contexto de fondo, a CIG (que presentará candidatura nos dous colexios) chama os traballadores e as traballadoras a reforzar co seu voto a representación da central sindical "para termos un comité plenamente comprometido na defensa dos nosos dereitos laborais e o mantemento dos empregos e que vai pelexar en todos os ámbitos para que se garanta a viabilidade das fábricas e a súa vinculación coas centrais hidroeléctricas". Un voto á CIG "para garantir a maioría e evitar así as coalicións de conveniencia que tan mal resultado deron en anteriores ocasións".

Volver