Acordo no convenio do siderometal de Ourense permite desconvocar a folga e as mobilizacións

Sindicatos e patronal pactaron unha suba salarial do 15% en tres anos
Ourense - 18 Out 2022

A folga indefinida iniciada o pasado día 5 no sector do siderometal da provincia de Ourense rematou hoxe despois de que os sindicatos a a patronal asinasen un preacordo que foi ratificado pola asemblea de traballadores/as. As partes pactaron unha suba salarial do 15% en tres anos, así como redución da xornada anual en tres días.

O preacordo entre as organizacións sindicais e o empresariado foi posíbel tras 16 horas de xuntanza e asinouse arredor das 01:30 horas. Previamente, por volta das 20:00 horas, as centrais celebraran unha asemblea na que xa lle trasladaran ao persoal do sector os principais aspectos da negociación. Mais non foi até este mediodía, unha vez asinado o preacordo de madrugada, cando o documento foi ratificado pola maioría da asemblea de traballadores/as.

O acordo contempla unha suba salarial do 5% para este ano, con carácter retroactivo dende xaneiro; do 5,5% para 2023; e do 4,5% para 2024. Establécese ademais unha cláusula de revisión salarial con actualización de táboas a xaneiro de 2025 topada ao 18%. Ao mesmo tempo, redúcese a xornada de traballo anual nun día, que ficará consolidado en 2023, quedando a xornada anual en 1776 horas; e noutros dous días non consolidábeis, un en 2023 e outro en 2024.

En virtude do pacto desconvócase a folga indefinida que se iniciara o pasado día 5, así como a manifestación prevista para este mércores polas rúas de Ourense. Con todo, até que o preacordo non foi ratificado pola asemblea os piquetes percorreron dende primeira hora da mañá os principais polígonos industriais.