Acordo sobre o convenio permite desconvocar a folga na recollido do lixo do Porriño

Increméntase o poder adquisitivo do persoal, incorpóranse novos dereitos sociais e laborais e redúcese a xornada
O Porriño - 09 Xul 2026

A asemblea de persoas traballadoras de Servizos dos Concellos Galegos, concesionaria da recollida do lixo e xestión do punto limpo do Concello do Porriño, ratificou onte o preacordo asinado entre a representación sindical da CIG e a empresa a respecto do convenio colectivo, de xeito que a folga prevista para os días 9, 10, 11 e 12 de xullo queda finalmente desconvocada.

O convenio pactado terá unha vixencia de catros anos (2026-2029), establecéndose unha suba salarial do 2,9% entre xaneiro e abril de 2026 para todas as categorías, mentres que de maio a decembro será do 3% para os peóns e do 3,5% para as de oficial condutor, mecánico e persoal administrativo. En 2027 o incremento será do 3,5% para os peóns e do 4,5% para as restantes; en 2028 a suba será do 5% para todas as categorías; e en 2029 do 7%, tamén para todas as categorías. 

As melloras laborais son consecuencia exclusivamente da acción sindical e da loita do persoal fronte a empresa e Concello

Tamén se incorporou unha cláusula de garantía salarial: no caso de que a suma do IPC real dos anos de vixencia do convenio sexa superior á suba de soldos total (18,5% dos peóns e 20% de oficial condutor, mecánico e persoal administrativo) a diferencia abonarase mediante a actualización de táboas en xaneiro de 2030, quedando consolidada en táboas dese ano. Ademais, creouse a maiores un plus de antigüidade de trienios do 5% do salario base e unha cuarta paga extraordinaria do 25% do salario base en 2028 e do 50% en 2029.

En canto á redución de xornada, o primeiro ano fíxase unha xornada anual de 40 horas, que pasará a 39 ao ano seguinte; mentres que en 2028 será de 38 horas semanais e en 2029 de 37,5 horas.

De igual xeito, sumaranse ao convenio unha serie de melloras que foran negociadas con anterioridade: cobertura do 100% en caso de IT, compensación de traballo en festivos con libranza e remuneración, un día asuntos propios por trimestre, horas para asembleas, etc.

Pedro Pérez, da CIG-Servizos, considera que con este acordo remata a incerteza nas relacións laborais na empresa, “máis agora o Concello ten que cumprir o seu compromiso de introducir nos pregos de condicións do concurso de adxudicación do servizo o custe salarial establecido durante a vixencia do convenio”.

O responsábel sindical valora moi positivamente o contido do acordo, tendo en conta que se incrementa o poder adquisitivo do persoal, se suman novos dereitos sociais e laborais e se reduce a xornada de traballo, “dando maior estabilidade a este centro de traballo”. Finalmente, quere deixar claro que as melloras laborais son consecuencia exclusivamente da acción sindical e da loita do persoal fronte a empresa e Concello.