Acto en defensa da universidade pública este mércores día 9 no Paraninfo da UDC

A Plataforma chama a participar na manifestación nacional do sábado 12 en Compostela
A Coruña - 07 Xun 2021

A Plataforma Galega en Defensa da Universidade Pública organiza para este mércores, 9 de xuño, un encontro-coloquio ás 19:30 horas, no Paraninfo da Universidade da Coruña para debater sobre os efectos do apoio do Partido Popular, tanto agora no Parlamento Galego como desde o comezo na Xunta, á autorización da creación dunha universidade privada que terá na Coruña e na propia UDC un impacto especial. 

Nunha mostra do seu compromiso coa universidade pública, no acto participarán Xosé Luís Armesto e José María Barja, ex reitores da UDC; ademais, a profesora da Facultade de Ciencias da Educación, Mariló Candedo, será a encargada de moderar o encontro.

Hai que reservar praza

Debido ás restricións derivadas da Covid-19, o aforo no Paraninfo está limitado, polo que é necesario reservar praza para poder asistir. Para facelo debe cumprimentarse este formulario. Todas as persoas que por estrita orde completen o aforo recibirán con suficiente antelación un correo electrónico confirmando a reserva.

Este acto enmárcase no calendario de accións e mobilizacións que a Plataforma Galega en Defensa da Universidade Pública (integrada por organizacións sindicais, profesionais e estudantís) está a levar adiante en rexeitamento á autorización dunha universidade privada vinculada a Abanca.  

Este sábado, ás 12, na Alameda de Compostela

A Plataforma chama a participar masivamente na manifestación convocada para o próximo  sábado, 12 de xuño, con saída ás 12 horas da Alameda de Santiago de Compostela, para paralizar este intento do PP de privatizar o sistema universitario galego, permitindo a entrada dunha empresa que vén exclusivamente a lucrarse co mercadeo das titulacións universitaria