Acusan ao goberno galego de elaborar un Plan forestal á medida das necesidades de Ence

Exixen a súa retirada e alertan de que promove a explotación forestal mesmo de hábitats protexidos

Nacional -

Asociacións ecoloxistas, comunidades de Montes, organizacións sindicais agrarias e entidades de toda Galiza, entre elas a CIG, presentaron esta mañá, no rexistro da Xunta, as alegacións elaboradas conxuntamente á primeira revisión do Plan Forestal. Unha achega na que solicitan a súa retirada e a elaboración dun Plan de ordenación do monte galego que teña en conta as aportacións de todas as entidades que viven, traballan e xestionen o medio rural, formen ou non parte do Consello Forestal. Entenden que isto permitiría sentar as bases para acadar, nun futuro inmediato, un monte multifuncional e sustentábel que xere riqueza, permita a creación de postos de traballo de calidade e facilite que se fixe a poboación no rural garantindo unhas condicións de vida dignas.

Así o defendeu Xosé Alfredo Pereira quen, en representación das diversas entidades, explicou que se trata dun documento elaborado sen consenso social. Nese sentido sinalou que “é certo que foi elaborado coas entidades que forman parte do Consello Forestal de Galiza, que son representativas do sector, pero tamén é certo que non están todas as entidades que viven, traballan e xestionan o medio rural”.

Pereira asegurou que se trata dun plano agresivo contra o monte e contra o territorio. Así apuntou que considera o uso forestal como “o único uso do monte, baseándose en especies de crecemento rápido; mantén a forestación das terras agrarias, cando todos sabemos que o mantemento das terras agrarias é fundamental para acadar un medio rural vivo; favorece a industria da madeira de baixo valor engadido e supedita as funcións sociais e medio ambientais que teñen os montes á súa función produtiva”.

Xunto a isto advertiu que o Plano entende a problemática do lume forestal como unha actividade individual incendiaria, cando “é un problema de política” e denunciou que “mantén a privatización dos servizos na loita contra os lumes forestais”.

Ademais, este Plan Forestal contempla a incautación dos montes veciñais en man común “para entregarllos de balde” ás empresas forestais e madeireiras. “Para nós fica claro que “está feito á medida do lobby da madeira e forestalista”.

Tal é así que, segundo Pereira, no documento aparece unha liña nova que non estaba no último documento que se debateu no Consello Forestal, que di que hai que asegurar o abastecemento da industria forestal. Por iso considerou que “non é moi democrático que un texto que non estaba no documento que se debateu apareza agora na información pública”.

O representante das entidades que presentaron as alegacións advertiu tamén das implicacións que isto ten para o futuro xa que “se outro goberno galego propuxera outra ordenación e isto supuxera eliminar os eucaliptos das terras agrarias non podería facelo, bastaría con que un informe da industria da madeira e forestalista dixera que eles necesitan a cantidade que hai hoxe de eucalipto, ou mesmo máis, para botar abaixo ese novo proxecto”.

Usos do monte esquecidos

Pola súa banda Fins Eirexas, tamén en representación das entidades que presentaron as alegacións, asegurou que “non todo o monte é susceptíbel de ser forestado como quere a industria” e denunciou que “hai outros usos intencionadamente esquecidos”.

Neste sentido explicou que o texto abusa dun “enfoque forestalista”, fomentando os cultivos enerxéticos e a madeira de baixo valor engadido, “seguindo os ditados de ENCE” e insistindo nos mesmos erros de planificación que se veñen dando nos últimos anos: máis eucaliptos e cultivos enerxéticos para ter “a medio país producindo eucalipto para pasta e ao outro medio madeira para queimala”.

Deste xeito, o plan forestal descarta incentivos para propietarios/as ou comunidades de propietarios/as e de titulares de montes que teñan como obxectivo a produción ecolóxica e o aproveitamento multifuncional dos montes, ou que inclúan no seu plan de xestión accións encamiñadas a fomentar e preservar o bosque, o patrimonio cultural ou a conservación da biodiversidade.

Pola contra, si establece a necesidade de axudas e incentivos fiscais que favorezan o investimento de capital privado en proxectos intensivos de produción forestal ou de cultivos enerxéticos. Prevé por tanto, “compensar as iniciativas privadas de produción forestal máis intensivas e agresivas co medio fronte aquelas outras que procuran un beneficio común e colectivo para toda a sociedade e que garanten a sustentabilidade do monte galego”.

Eirexas denunciou ademais o incumprimento do anterior plan forestal, aprobado en 1992, no que se fixaban un máximo de 245.000 ha de eucalipto para o ano 2032 cando, a esta altura, xa hai máis de medio millón de ha. e denunciou que na actual proposta mesmo se prevé a entrega doutras 35.000 ha ao eucalipto “sen restricións”, incluíndo ao eucalipto nitens, “considerado invasor e perigoso para os ecosistemas pola Audiencia Nacional”.

Ademais disto, denunciou que o Plan esquece a conservación da diversidade ecolóxica e os usos ecosistémicos do monte, querendo explotar mesmo hábitats protexidos como os bosques de ribeira; non establece programas de control e erradicación das especies invasoras e esquece a prevención, a diversidade de especies e o control da expansión das pirófitas insistindo así “no modelo continuista e desenfocado de loita contra os lumes”.

Industria do lume

A este respecto o Plan esquece mencionar calquera vinculación dos lumes forestais en Galiza coa falta de ordenación forestal do territorio ou coa expansión descontrolada na nosa xeografía do monocultivo de especies pirófitas, como son os eucaliptos e os piñeiros e aposta polo modelo mixto de extinción público-privado do servizo de  extinción dos incendios forestais. “Un sistema cuestionado e criticado polos propios traballadores e traballadoras do lume e extremadamente caro para as arcas públicas. A extinción dos incendios forestais debe realizarse por un único servizo público, profesional e adecuadamente formado”.

Volver