• Nova

O Goberno español, cómplice da marxinación financeira resultado dun proceso de dixitalización excluínte

A CIG-Banca reclama garantir a atención á clientela e frear a destrución de emprego no sector
Nacional - 01 Feb 2022

A federación de Banca da CIG denuncia a complicidade do Goberno español coa marxinación financeira que padece boa parte da poboación como consecuencia do proceso de dixitalización “excluínte” no que están inmersas unhas entidades que reciben inxentes cantidades de cartos públicos pero que non garanten o acceso de todas as persoas aos seus sevizos.

Dende a central sindical, ante o debate público xerado pola comprensíbel protesta dunha parte da clientela dos bancos afectada pola privatización, reestruturación e restricións horarias, trasladan a súa preocupación polo que está a acontecer nun sector. De feito, a CIG ten levado a cabo numerosas iniciativas para garantir a atención á clientela e para frear a destrución de emprego nun sector que perdeu máis de 100.000 postos de traballo nos últimos anos. 

O sector perdeu máis de 100.000 empregos nos últimos anos

Para a central sindica, o que está a situación actual é consecuencia directa, en primeiro lugar, da privatización das caixas de aforros, que naceron para garantir a inclusión financeira. “Socializáronse as perdas e privatizáronse os beneficios, poñendo o sistema financeiro en mans de investidores e especuladores que só buscan rendibilidade a curto prazo. Nese senso as políticas nefastas de PSOE e PP, son a causa do problema actual. Daquelas augas, estas lameiras”, sinalan.

En segundo lugar, o proceso de concentración bancaria, instado dende as institucións públicas europeas, españolas e dende a Xunta de Galiza, levou a unha restrición da oferta para beneficio dos fondos e “investidores voitres” que actualmente son os máximos accionistas dos bancos.

As inxeccións de liquidez realizadas polo Banco Central Europeo ao sistema financeiro fai que para as entidades sexa máis barato captar diñeiro nas poxas do BCE que manter o servizo as persoas que son pequenas aforradoras. A política do BCE provoca a exclusión e desincentiva o aforro; así mesmo, facilita as políticas dos bancos para que a clientela asuma produtos complexos polos que paga comisións.

As restricións de servizos e o encarecemento dos mesmos teñen coma obxectivo expulsar dos bancos as persoas menos rendíbeis, demandantes de servizos presenciais; nese senso, a falta do establecemento de medidas polas distintas administracións están levando a exclusión financeira a cada vez unha parte máis importante da poboación, mentres os bancos reciben inxentes axudas públicas.

Restrición de horarios

Ademais, ante a decisión dos bancos de restrinxir os horarios de caixa a partir das 11:00 horas, a presentou denuncia ante a Comisión Estatal da Competencia. O pasado día 28, en pleno debate público, a central recibiu contestación do citado organismo público pechando o expediente sen realizar unha investigación. “Como é posíbel que os bancos, agrupados nas patronais AEB e CECA, decidan ao mesmo tempo restrinxir os servizos e incluso na mesma franxa horaria, e que Competencia non investigue?”, pregúntanse. 

Como é posíbel que os bancos decidan ao mesmo tempo restrinxir os servizos na mesma franxa horaria e que Competencia non investigue?

A CIG tamén presentou un conflito colectivo contra a decisión do BBVA de restrinxir os horarios, considerando a Audiencia Nacional que esas restricións de servizos tiñan coma obxectivo “proporcionar un mejor servicio público”, asumindo as posicións do banco.

En canto ao papel do Ministerio de Economía e á reunión mantida coas patronais bancarias, na central consideran que estamos ante un “paripé” carente de contido. Nese senso, lembran que xa hai meses que o parlamentario do BNG, Néstor Rego, trasladou ao Congreso dos Deputados as inquedanzas da CIG ante o peche das oficinas bancarias e as restricións dos horarios de atención ao público. “A resposta do Goberno foi directamente saírse” pola tanxente e non dar explicacións”, censuran.

Por iso consideran que se o Goberno quere tomar medidas, tanto o Ministerio de Economía como o de Consumo teñen que lexislar, obrigando a restituír os horarios de servizo presenciais, xa que pretender que a solución sexa aportada polos mesmos bancos que restrinxen servizos “é unha tomadura de pelo á poboación”. Máis aínda cando continúan reducindo servizos, diminuíndo o número de traballadores/as nas oficinas e encarecendo o aceso aos servizos financeiros daquelas persoas que consideran pouco rendíbeis en termos económicos.

Finalmente, critican que o Goberno, os organismos e administracións públicas e a xustiza española lle teñan dado as costas á clientela, pero tamén ao persoal dos bancos. “Os despedimentos actuais, realizados en base á reforma laboral que permite despedir a quen ten beneficios multimillonarios, son xustificados por uns supostos cambios de hábitos da clientela e o peche de oficinas. Garantir o dereito da poboación aos servizos financeiros presenciais é garantir os postos de traballo fronte a unha dixitalización que só beneficia aos fondos e investidores internacionais que hoxe teñen o control da banca e semella que dos aparatos do Estado español”.