Acusan o INSS de denegar a incapacidade permanente a traballadores ourensáns afectados de silicose de primeiro grao

A CIG reclama que se lles conceda unha pensión de invalidez sen ter que ir á vía xudicial
Vigo - 21 Xul 2016
A CIG de Ourense acusa o Instituto Nacional da Seguridade Social (INSS) de denegar de xeito sistemático na provincia a incapacidade permanente aos traballadores/as afectados/as de silicosis de primeiro grao. Dende a central reclaman que se lles conceda unha pensión de invalidez sen ter que acudir á vía xudicial, como está a suceder na actualidade grazas ás sentenzas favorábeis.

Representantes da CIG explicaron onte en rolda de prensa que a Seguridade Social non está a admitir a situación de incapacidade permanente dos traballadores/as da provincia de Ourense afectados/as de silicose de primeiro grao, o que lles permitiría cobrar unha pensión de invalidez cando presenten esta doenza e na súa empresa no exista un posto de traballo alternativo libre de po.

A normativa actual contempla tres graos de silicose. O primeiro permite aos afectados/s cobrar parte da pensión (o 55% da cotización), sempre que na empresa non poidan optar a un posto de traballo equivalente en categoría.

Mais, até o ano pasado, se o enfermo non padecía outra doenza adicional non conseguía a incapacidade permanente total; pero ao mesmo tempo non podía seguir traballando no sector, situación que mudou en octubre de 2015 cando o INSS aceptou que recibisen unha compensación económica se non podían traballar.

Con todo, segundo denuncian dende a central, a varios traballadores/as declarados/as non aptos/as para a súa función denegóuselles unha pensión a pesar do cambio de normativa, situación que é especialmente grave en Ourense. Así, acusan o INSS de incumprir a súa propia normativa interna e lembran que as últimas resolución xudiciais están a ser favorábeis aos traballadores/as, como o recente auto ditado polo TSXG no que se estima un recurso da CIG para que se lle conceda unha prestación por incapacidade total a un afectado de silicose de grao 1.

Finalmente, lembran que esta provincia rexistra, xunto á de Pontevedra, o maior número de casos relacionados con esta enfermidade, derivados da extracción de lousa que ten lugar na comarca de Valdeorras. En 2012 contabilizáronse 29 casos, que se suman aos 17 de 2008 e aos 19 de 2009, o que amosa que as cifras non deixan de medrar. Ademais, outras 90 persoas precisaron de exames radiolóxicos aos presentar alteracións importantes.