Adiada a manifestación pola reindustrilización prevista para este domingo en Ferrol

Como medida de prevención ante a situación xerada pola expansión do coronavirus

Ferrol -

As organizacións sindicais, tras unha xuntanza cos concellos da comarca, acordaron na tarde de onte adiar a manifestación comarcal prevista para este domingo, 15 de marzo, en Ferrol a causa da situación xerada pola pandemia do coronavirus e seguindo as recomendacións das autoridades sanitarias. En principio, a mobilización fica adiada quince días, mais dende a CIG sinalan que as centrais sindicais "non imos parar e seguimos traballando nas demandas concretas e na liña que tiñamos fixada".

Esta manifestación será a segunda que as organizacións CIG, UGT e CCOO convoquen conxuntamente para esixir políticas de reindustrialización e sociais que reverten a "situación de emerxencia absoluta" que veñen arrastrando dende hai anos as comarcas de Ferrol-Eume-Ortegal. "Ou se poñen en marcha medidas alternativas ou estas comarcas desaparecen", asevera con contundencia o secretario comarcal da CIG de Ferrol, Manuel Anxo Grandal. Unhas medidas que, sinala, pasan imprescindibelmente por asegurar unha transición enerxética xusta, dotar de carga de traballo aos estaleiros e rematar co histórico déficit nas infraestruturas.

Medidas concretas, con orzamentos e prazos

Grandal subliña que "xa non valen plans nin axudas que demostraron ser un absoluto fracaso, nin montar mesas de traballo nin facer máis estudos, hai que aplicar medidas concretas e hainas que aplicar xa, con prazos e coa dotación orzamentaria necesaria".

Neste senso, explica que as centrais sindicais xa teñen solicitada unha xuntanza ao Ministerio de Transportes para reclamar a gratuidade da peaxe da AP-9 entre Ferrol e A Coruña, "porque non temos alternativa e o elevado custe da autoestrada é un handicap tanto para a instalación de novas empresas como para as persoas que van traballar á área da Coruña e que por este gasto deciden trasladarse a vivir alí, o que agrava o esmorecemento demográfico que padecemos".

De Transporte tamén se demanda a construción da longamente demandada vía de alta capacidade, dando urxencia a esta obra e asignándolle a dotación axeitada nos Orzamentos Xerais do Estado. Ou poder contar cunha liña de alta velocidade no eixo atlántico Ferrol-Vigo, que con carácter urxente una Ferrol e A Coruña.

Dotar de chan industrial, competencia da Xunta

Xunto a isto, explica Grandal, precísase de dotar de polígonos industriais ás comarcas, unha materia na que a Xunta resulta fundamental porque ten as competencias, mais non as está a exercer. A falta de chan industrial pode levar á situacións tan inxustas como que haxa proxectos interesados en instalarse nas Pontes "pero non o poidan facer porque non teñen onde", advirte. Por iso, asevera que o Goberno galego non pode seguir botando culpas sobre Madrid sen dar resposta a esta demanda cando ten as competencias.

De igual xeito, engade que tamén é responsabilidade da Xunta elaborar plans de formación adecuados ás necesidades destes territorios e pular para que infraestruturas como o Centro Tecnolóxico de Renovábeis en Ferrol.

Entre as actuacións previstas, as centrais sindicais van solicitar reunións cos ministerios de Industria, Transición Ecolóxica ou Facenda, neste último caso reclamando que se contemplen nos OXE as partidas necesarias para executar o proxecto do novo estaleiro, "porque é vital para dar futuro as instalacións da ría". E iso implica, recalca, que fagan todos os investimentos previstos e se constrúa o novo dique, comprometido ao quedar fóra do proxecto de orzamentos que está a preparar o Goberno español.

"Levamos ás administracións demandas moi concretas que teñen que ser unha realidade. E isto depende de que haxa vontade política e que se contemplen nos orzamentos. Queremos infraestrutuas, queremos traballo e a que xente se quede nas nosas comarcas", conclúe.

Volver