Admitida a trámite a demanda da CIG contra o Acordo de concertación do emprego público de Galiza

A central non asinou o documento por ser "inxusto, desigual, insuficiente e discriminatorio"
Nacional - 28 Mar 2019

O Tribunal Superior de Xustiza de Galiza vén de comunicar a admisión a trámite do recurso contencioso-administrativo presentado pola CIG contra a Orde do acordo de concertación do Emprego Público de Galiza pactado pola Consellería de Facenda e os sindicatos CCOO e UGT. Un acordo que a CIG non asinou por ser "inxusto, desigual, insuficiente e discriminatorio co persoal" e non garantir uns servizos públicos de calidade.

Desta forma, explica Zeltia Burgos, secretaria do sector de Autonómica da CIG-Administración, comeza a loita xudicial para a salvagarda dos dereitos do persoal e así dar solución ás inxustizas deste mal acordo que non recupera os dereitos laborais e económicos perdidos na última década e establece discriminacións entre o persoal empregado público.

Burgos lembra que este pacto é unha transposición do acordo asinado previamente en Madrid "que non só non introduce ningunha mellora, senón que nin sequera contempla a redución da xornada laboral ás 35 horas semanais, a pesar da Xunta pode facelo".

No relativo á cuestión económica, a secretaria da CIG-Autonómica critica que, alén de ser "raquítica", este acordo vincula a suba salarial ao PIB e non permite recuperar o poder adquisitivo perdido nos últimos dez anos. Ademais, advirte do intento de formular a carreira profesional (que cualifica de "inxusta, discriminatoria e escasa") como parte da recuperación salarial, cando son dúas cuestións totalmente diferentes. "A recuperación do poder adquisitivo ten que ser directa, e da mesma maneira que nos quitaron o 5% teñen que devolvelo. De igual xeito, a suba dos salarios ten que estar indexada ao IPC e non ao PIB".

En canto e á carreira profesional, Burgos denuncia que, tal e como está formulada, xerará grandes diferenzas retributivas entre traballadores/as, deixa fóra a unha parte do persoal e ademais está concibida como unha chantaxe para que o persoal laboral fixo se funcionarice.

Nesta demanda no TSXG, a CIG fixa os seguintes obxectivos:

Carreira profesional:

  • Ampliación do seu ámbito de aplicación: universalizala para todo o persoal empregado público sen chantaxes nin subterfuxios.
  • Acceso ao sistema extraordinario a todo o persoal e sen condicionados.
  • Revisión das contías dos graos aumentando os importes dos máis baixos co fin de minguar a brecha salarial.
  • Solucionar a falta de garantía orzamentaria, buscando a consolidación salarial ao longo do tempo.

Funcionarización do persoal laboral fixo:

Non se garante un acordo xeral de condicións de traballo que recolla os dereitos laborais e salariais actuais, especificamente:

  • Non hai concurso de traslados nin promoción interna previas aos procesos de funcionarización.
  • Os dereitos laborais do V Convenio non se trasladan para o persoal funcionario, incluídos os dereitos de xubilación.
  • Os dereitos salariais como os pluses, que din recoller nun chamado complemento persoal de funcionarización, pérdense ao concursar e non se trata un Acordo salarial global para todo o persoal (trienios, niveis e complementos).
  • Non se garanten concursos de traslados futuros ao persoal que non se funcionarice.

Comisión de Seguimento

O acordo de concertación establece tamén poderes de negociación colectiva á Comisión de Seguimento. "Cun absoluto desprezo antes da súa publicación xa estaba funcionando como mesa negociadora. Deste xeito retiráronse e modificaron moitas cuestións substanciais do propio texto do acordo de concertación como a obriga da Dirección Xeral de Función Pública de instar para que o persoal funcionario teña dereito a xubilación parcial".