AENA decreta uns servizos mínimos abusivos sen sequera sentar a negociar co comité de folga

O persoal do aeroporto Rosalía de Castro considera que vulneran o dereito fundamental á folga
Compostela - 11 Set 2019

O comité de folga do aeroporto Rosalía de Castro vén de denunciar os servizos mínimos abusivos decretados por AENA, do 100%, para cada unha das 3 xornadas de paro convocadas para os días 13, 20 e 27 de setembro. Entenden que, deste xeito, a empresa pública vulnera o seu dereito ao exercicio dun dereito fundamental como o de folga e anuncian xa que os recorrerán para que este decreto sexa anulado.

O comité de folga afirma que é a actitude de AENA a que ten provocado esta convocatoria de folga, por ignorar as súas demandas e por, nin sequera, recibilos para tratar de achegar posturas. Unha actitude semellante á que mantivo a empresa pública á hora de decretar estes servizos mínimos que cualifican de abusivos, porque non fixo intento algún de sentar a negocialos.

A CIG denuncia ademais que tamén decretaron uns servizos mínimos abusivos tanto a empresa encargada da Seguridade Privada do aeroporto como a que se encarga do combustible.

Pablo de Prado, portavoz do comité de folga, lembra que a orixe desta convocatoria está na decisión unilateral de AENA de non sacar a concurso a cantina suprimindo así un servizo que para o persoal, que traballa na súa maioría en condicións precarias, é imprescindíbel. “Sen o servizo de cantina as traballadoras e traballadores do aeroporto terán que gastar o dobre do que pagaban na cantina por un café, un bocadillo ou unha comida”.

Isto deriva, para de Prado, nunha situación intolerable para o persoal do aeroporto que se verá castigado dúas veces: unha polo baixo salario que perciben a cambio do traballo que fan no aeroporto e outra pola estafa que lles van cobrar nos servizos de restauración de pasaxeiros/as aos que terán que recorrer. Isto ademais de que unha parte importante do persoal ten que pagar tamén o aparcamento. “Non podemos permitir que nos sigan machacando a gastos por vir traballar”, asegura.

Por iso a folga está convocada en demanda de que se manteña o servizo de cantina mais tamén para denunciar a cada vez maior precariedade e temporalidade que se está instalando no sector aéreo; o constante aumento da carga de traballo sen o correspondente aumento do cadro de persoal nas empresas afectadas;  o incumprimento de cobertura das necesidades de persoal en horario nocturno; a supresión encuberta do servizo de enfermaría do aeroporto e o custe do abono de aparcamento obrigatorio soportado polo persoal, de entre 20 e 30 euros ao mes.

O comité de folga agarda ademais por unha resposta coherente de AENA respecto dos supostos contactos mantidos con diversas empresas de restauración e catering que terían manifestado non estar interesadas na xestión da cantina. “Á marxe de que, de ser así, AENA tería que incorporar un informe dando conta deses contactos na documentación da convocatoria do concurso, entendemos que non son as empresas quen deciden se a concesión da xestión do servizo de restauración inclúe ou non a cantina. Era o que faltaba, que os concursos se convocaran ao ditado dos intereses das empresas e non os das e dos usuarios”, conclúe de Prado.