AENA elude contestar ao persoal do aeroporto Rosalía de Castro mesmo no Congreso

Reitera que non contemplará a cantina na nova concesión
Compostela - 09 Set 2019

A coordinadora do comité intercentros do aeroporto de Santiago, Rosalía de Castro, remitiu á Mesa do Congreso das deputadas e deputados, a través do parlamentario de Bildu, Jon Iñarritu, unha serie de preguntas sobre  o servizo de cantina e o seu futuro. O goberno, atendendo ás respostas de AENA a estas cuestións, afirma que esta empresa pública non ten intención de licitar o servizo de cantina no novo concurso, porque, supostamente, mantivo “contactos con diversas empresas de restauración e catering” pero ningunha amosou “interese na súa xestión”. Porén non deu resposta ao resto das cuestións. (Adxúntase)

Ante isto, Pablo de Prado, en representación do comité de folga, lembra que no artigo 115 da Lei de Contratos do sector público está prevista a posibilidade de que se fagan consultas preliminares do mercado “coa finalidade de preparar correctamente a licitación e informar aos citados operadores económicos acerca dos seus plans e dos requisitos que exixiran para concorrer ao procedemento”.

Con todo, matiza que nese mesmo artigo tamén se afirma que isto “será utilizado polo órgano de contratación para planificar o procedemento de licitación” e que, cando se tiveran realizado consultas, farase constar nun informe no que se “relacionarán os estudos realizados e os seus autores, as entidades consultadas, as cuestións que se lles formularon e as respostas ás mesmas”.

“Ese informe, segundo a lei, ten que formar parte do expediente de contratación, e estará suxeito ás mesmas obrigas de publicidade que os pregos de condicións, publicándose, en todo caso, no perfil do contratante do órgano de contratación”, explica de Prado, quen sinala que “revisamos o expediente pero non atopamos ese informe”.

Por iso demanda de AENA que indique onde está publicado o informe para coñecer as consideracións que respecto da cantina se fixeron. A isto engade que “en todo caso, non entenderíamos que unha empresa pública deixara ás empresas que pretenden concorrer á concesión dos negocios de restauración do aeroporto de Santiago decidir se a cantina entra no lote ou non”.

O representante do comité de folga lembra que para o persoal do aeroporto unha das demandas que provocan a convocatoria de folga é o mantemento do servizo de cantina. Con todo apunta que tamén é unha posibilidade, para darlle solución a este conflito, que se garanta o acceso de todas as traballadoras e traballadores do aeroporto de Santiago aos servizos de restauración do aeroporto cos prezos que viña tendo o persoal nos últimos 64 anos e non só aos de AENA e EANER.

Precariedade e exceso de carga de traballo

En todo caso, o comité de folga lembra que ademais da cantina, con esta convocatoria de folga denuncian tamén a cada vez maior precariedade e temporalidade que se está instalando no sector aéreo; o constante aumento da carga de traballo sen o correspondente aumento do cadro de persoal nas empresas afectadas;  o incumprimento de cobertura das necesidades de persoal en horario nocturno; a supresión encuberta do servizo de enfermaría do aeroporto e o custe do abono de aparcamento obrigatorio soportado polo persoal, de entre 20 e 30 euros ao mes.

Xunto a isto,  denuncia a total falta de consideración da Dirección do aeroporto co seu persoal, porque como xa ocorreu con anterioridade, volveu denegar a sala de prensa, desta volta para celebrar unha asemblea de traballadoras e traballadores. Neste sentido, Pablo de Prado subliña que “o persoal non ten ningún outro sitio para poder reunirse, así que entendemos que do que se trata é de dificultar que as traballadoras e traballadores falemos entre nós sobre unha problemática que nos atinxe a todas e todos” .

Máis apoios

Á folga convocada polo persoal das distintas empresas que operan no Rosalía de Castro veñen de sumarse tamén os de USCA, en representación das controladoras e controladores aéreos; os do persoal de mantemento de torre (CSAP) e todo o comité de ENAIRE.

Ademais mañá teñen previsto manter unha xuntanza co alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo, no propio concello, para abordar esta cuestión.